O PP urxe ao goberno bipartito de Burela que “xestione debidamente o mantemento da zona de xogos do parque Rosalía de Castro”

por Redacción Lugo

Os populares advirten dunha nova incidencia: o valado dunha das instalacións por parte da Policía Local ante as queixas dos pais e nais pola súa inseguridade

O PP de Burela advirte das numerosas queixas de pais e nais de menores que usan a zona de xogos do parque Rosalía de Castro polas numerosas incidencias que se rexistran. Nese sentido, os populares pídenlle ao goberno local que xestione debidamente o mantemento das instalacións municipais ante “a falta de tacto, eficiencia e eficacia por parte do goberno bipartito que os veciños e veciñas estamos a apreciar”.

“Xa había semanas, e incluso meses, que algúns pais denunciaran o mal estado dunha das instalacións da zona de xogos do parque pola inseguridade que supuña para os pequenos; pero non foi ata agora, en plena campaña estival, cando se tomaron medidas que chegaron da man da Policía Local”, explican os populares. De feito, “onte moitos pais e nais de rapaces que disfrutaban do seu tempo de lecer, viron como a Policía Local, ante as queixas dos pais e nais, valaba unha nova zona de xogos por mor da súa inseguridade”. Aínda así, os populares cren que esta é unha medida de emerxencia que se podería ter evitado de actuar con previsión.

A pesar da sinalización na zona de calistenia advertindo de que non é unha instalación para persoas de menos de 1,40 metros; xa se teñen producido incidentes o que demostra que non a súa ubicación nas inmediacións das zonas de xogo infantís non era a máis axeitada. Ademais, os teléfonos de contacto ante calquera incidencia non se correspondían cos servizos do Concello.

En definitiva, “os pais e nais non paran de queixarse da falta de control que está a ter a nova alcaldía ante incidencias que se producen no parque Rosalía de Castro”.

Dende o Grupo Municipal Popular “rogamos ao goberno bipartito que se poña a traballar a prol dos veciños de Burela e que se deixe de facer fotos e posados”.

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario