Testigo accidental. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu

Non vou falar da película do mesmo título con aquel fabuloso Gene Hackman, pero si que a lembrei escoitando a Bertín Osborne dando conta dese embarazo que o fará pai de novo aos sesenta e nove anos, o que se di na flor na vida. Viña a dicir que bueno, el pasaba por alí e sen querer obrouse a milagre de traer ao mundo unha nova criatura. Que son accidentes que pasan a diario, nada importante, e que non está polo labor de exercer de namorado nin agardar impaciente o alumeamento do novo descendente, que xa se sabe será varón.

A nai, trinta e sete anos maís nova que o «Varon Dandy» español por excelencia, foi apoiada públicamente por un Bertín que dixo que el ofrecéralle dúas cousas: telo ou non telo. Un dos representantes mediáticos do «dereito á vida», férreo opositor ao aborto e que nunca o permitiría coa súa familia lexítima, non ten problema en propoñerllo a ese «accidente» que se cruzou na súa vida e agora incordia nas portadas das revistas. O cabaleiro hispano por antonomasia é dos que cren que os métodos anticonceptivos son cousa delas, que el bastante fai con regalarlles a súa semente. E o preservativo non é de machos, moito menos a vasectomía tendo xa cinco fillos, non vaia restarlle potencia sexual. Do porvir desa crianza pouco se fala, cun pai ancián cando sexa mozo e que se convertirá en tío avó probablemente cando os seus compañeiros de instituto aínda vaian cos irmáns pequenos ao parque, pois xa nace con sobriños ben criados. O do reloxo biolóxico é algo que só se impón ás mulleres, xeralmente criticadas cando deciden ser nais pasada a idade que se considera «normal», mentres eles son aclamados e quizais envexados por esa virilidade que non decae co paso do tempo. Calquera outra cousa, puro accidente.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario