Maite Flores Arias, nova vicepresidenta da Sociedade Española de Óptica

por Redacción Galicia

A profesora, pertencente ao grupo de investigación Photonics4Life, é catedrática do departamento de Física Aplicada da USC, do que tamén é directora

A catedrática da USC e directora do departamento de Física Aplicada, Maite Flores Arias, acaba de ser elixida pola asemblea da Sociedade Española de Óptica, vicepresidenta desta entidade. Deste xeito, a profesora pasa a ser membro do equipo de dirección da Sociedade e, como está recollido nos estatutos, dentro de tres anos asumirá o cargo de presidenta desta sociedade.

Grazas ao nomeamento, a USC liderará o organismo que articula a investigación en Óptica e Fotónica en España. A candidatura da profesora Flores Arias foi presentada polos comités de Óptica Cuántica e Óptica Non Lineal; Divulgación, Ensinanza e Historia da Óptica; Técnicas de Imaxe; e Optoelectrónica. Esta é a primeira vez que os comités que conforman a sociedade se unen na presentación dunha candidatura única.

A profesora Flores pertence tamén ao comité executivo da Sociedade Europea de Óptica dende o ano 2020, sociedade que se encarga de articular as liñas que rexen a investigación neste eido en Europa. Esta Sociedade actúa como paraugas para as respectivas sociedades de óptica estatais e a súa misión consiste en reunir e fomentar a cooperación no eido da óptica, optoelectrónica e os campos científicos relacionados, para desenvolver un uso práctico dos resultados da investigación e apoiar a explotación industrial da óptica. Este organismo impulsa congresos internacionais, encontros científicos, técnicos e culturais; ou formación, entre outras iniciativas.

Traxectoria 

A profesora Flores Arias é coautora de máis de 200 artigos científicos en revistas internacionais e comunicacións a congresos no eido da Fotónica, alén de ser recoñecida a nivel internacional pola súa participación activa na investigación na fronteira do coñecemento e o seu traballo en tarefas de organización en diferentes sociedades e organización de congresos. Ademais, é coordinadora da infraestrutura ‘Laboratorio Láser de Aceleración e outras aplicacións’ (L2A2) da USC; lidera o grupo de investigación Photonics4Life, recoñecido en 2019 co Premio de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia; e é profesora da área de Óptica da USC. Maite Flores participou tamén na posta en marcha do Instituto de Materiais (iMATUS). A profesora é a catedrática máis nova da institución compostelá na actualidade.

Na súa traxectoria profesional, desempeñou diferentes cargos en comités científicos: vicepresidenta e despois presidenta do Comité de Optoelectrónica da Sociedade Española de Óptica, vicepresidenta do Comité de Técnicas da Imaxe da Sociedade Española de Óptica, membro dos comités de expertos de entidades estatais como a Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, a Axencia Estatal de Investigación, a Administración Nacional de Avaliación e Prospectiva, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Castela e León, da Axencia Andaluza do Coñecemento (Área de Avaliación e Acreditación Universitaria), ou da Axencia de Certificación en Innovación Española, entre outras. Tamén forma parte de entidades de investigación internacionais como o Consello Nacional de Ciencia e Tecnoloxía de México e do Centro Nacional de Ciencia de Polonia.

A catedrática tamén é coñecida polos seus labores de transferencia da investigación ao sector empresarial. Neste senso, é socia fundadora da empresa Bflow S.L., galardoada co premio ‘Francisco Guitián Ojea’ da Real Academia Galega de Ciencias. BFlow foi cualificada ‘Mellor Idea Empresarial da USC’ e gañadora do Pfizer Foundation 2020 e-DEA Health Challenge.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario