Un grupo de militantes nacionalistas, entre elas a concelleira do BNG Avia Veira, repartiron esta mañá na Praza de Pontevedra material informativo de campaña
“Estamos a ter unha grande receptividade no contacto coas coruñesas e coruñeses”, afirma a edil do Bloque. Esta tarde tamén está programado un reparto ás 18 horas no Campo da Leña.
Veira chama a unha grande participación o 23 de xullo. “Convidamos a toda a xente a votar o BNG. O noso voto ten un valor duplo”, dixo.
E argumentouno así: “O voto ao BNG serve para frear a dereita, mais ao mesmo tempo para defender os intereses de Galiza no Estado, a facer que o noso país aumente o seu peso político no Congreso e no Senado onde se toman decisións que nos afectan decisivamente”.
O voto ao BNG serve, pois, “para defender o dereito da mocidade a ter futuro, mais tamén os dereitos e as aspiracións das persoas LGTBI, das mulleres, das traballadoras e traballadores”.
En chave local, o voto ao BNG serve tamén para “que teñamos un porto liberado de débeda” e para termos “un tren de proximidade”.