O Trofeo Teresa Herrera, que en categoría masculina alcanza a súa LXXVIII edición e en feminina chega á XI, terá lugar o sábado 5 de agosto en ABANCA-RIAZOR, co Red Bull Bragantino e o Deportivo Alavés Gloriosas, respectivamente, como rivais dos equipos branquiazuis, nunha xornada que terá como colofón as homenaxes a Mauro Silva, Bebeto e Álex Bergantiños.
Ás 17:00 horas, o Deportivo ABANCA enfrontarase ao Deportivo Alavés Gloriosas, mentres que ás 19:30 o Deportivo medirase ao Red Bull Bragantino brasileiro coa Torre de Hércules de prata en xogo en ambos os casos.
A invitación ao Red Bull Bragantino responde os desexos do RC Deportivo de render tributo a Mauro Silva, ex xogador do conxunto brasileiro, e a Bebeto na temporada do 30º aniversario da súa conquista coa selección ‘canarinha’ da Copa do Mundo, que os converte nos únicos futbolistas que alcanzaron a cúspide do mundo do fútbol cando pertencían ao club branquiazul.
Entre ambos os encontros, nos prolegómenos do partido masculino, Mauro Silva e Bebeto, pedras angulares do inesquecible SuperDépor, recibirán a homenaxe por parte do RC Deportivo e a ovación da afección coruñesa. Mauro Silva, gañador de 6 títulos co Deportivo, é o terceiro xogador que máis partidos oficiais xogou coa camiseta branquiazul. Bebeto é o máximo goleador deportivista en Primeira División (86 goles), na Recopa de Europa (6) e na Copa da UEFA (7).
Despois será a quenda de Álex Bergantiños. O capitán deportivista nos últimos anos acaba de abandonar o fútbol profesional despois de 21 temporadas ligado ao Dépor, desde a súa chegada en idade xuvenil. Ante o Red Bull Bragantino, o centrocampista coruñés saltará por última vez ao céspede de ABANCA-RIAZOR para xogar os seus últimos minutos e recibir o aplauso do deportivismo.
O Bragantino, o trampolín á fama de Mauro Silva, recupera a tradición brasileira no torneo
O Red Bull Bragantino recupera a tradición brasileira no trofeo amigable de fútbol máis antigo do mundo, nacido en 1946. O equipo paulista será o décimo daquel país que participe no Teresa Herrera, cifra só superada por España, con 17, aínda que a última participación dun conxunto brasileiro data de fai case un cuarto de século, en 1999.
Os nove participantes brasileiros anteriores foron CR Vasco da Gama (1947, 1957, 1963, 1984 e 1997), CR Flamengo (1958, 1978, 1980 e 1995), Santos FC (1959 e 1986), Botafogo FR (1959 e 1996), Cruzeiro EC (1975 e 1976), Fluminense FC (1977, 1978 e 1985), SC Internacional de Porto Alegre (1982), São Paulo FC (1986, 1992 e 1993) e SC Corinthians (1999).
Tamén é Brasil a segunda nación en numéro de éxitos, por detrás dos inalcanzables 55 dos clubs españois, 24 conquistados polo Dépor. Cinco equipos brasileiros locen o decano dos trofeos nas súas vitrinas: CR Vasco da Gama (1957), Santos FC (1959), Fluminense FC (1977), São Paulo FC (1992) e Botafogo FR (1996).
Fundado en 1928 como Clube Atlético Bragantino, o club da cidade de Bragança Paulista (170.000 habitantes, a 85 km de São Paulo) foi adquirido pola multinacional Red Bull en 2019, cambiando a súa denominación á actual de Red Bull Bragantino. Hai dous anos, en 2021, alcanzou o mellor resultado da súa historia, ao finalizar subcampión da Copa Suramericana, o equivalente á Europa League alén do Atlántico.
A súa mellor actuación a nivel nacional data de 1991, cando alcanzou a final do Campionato Brasileiro, na que perdeu fronte ao São Paulo FC cun equipo liderado desde o banco por Carlos Alberto Parreira e no campo por Mauro Silva. Uns meses despois, o centrocampista brasileiro foi fichado polo Dépor, no que permaneceu durante 13 temporadas até a súa retirada en 2005, despois de lograr 6 títulos e disputar 459 encontros oficiais.
Inmerso na actualidade na disputa do campionato brasileiro de Serie A (Primeira División), sitúase na 7ª posición de 20 equipos, con 24 puntos, despois da disputa de 15 xornadas.
O Alavés, rival nacional para o Dépor ABANCA despois de dous anos ante equipos portugueses
O Deportivo Alavés Gloriosas retoma a participación nacional no torneo feminino despois de dúas edicións nas que o rival do Dépor ABANCA procedeu da veciña Portugal: Valadares Gaia FC, en 2021, e FC Famalicão, en 2022.
O conxunto vitoriano foi fundado só 12 meses despois do Dépor ABANCA, no verán de 2017, trala absorción do CD Gasteizko Neskak por parte do Deportivo Alavés a través dun convenio de filialidade. A formación vasca conseguiu o ascenso á máxima categoría nacional en 2021 e, após dúas campañas na elite, descendeu á conclusión da recentemente finalizada campaña 2022-23. Por tanto, Dépor ABANCA e Deportivo Alavés Gloriosas serán rivais no curso 2023-24 en Primera Federación Iberdrola.
O Deportivo Alavés Gloriosas será o noveno equipo español en participar no trofeo, desde a súa creación en 2013, tralos coruñeses Dépor ABANCA, Dépor ABANCA B, Victoria CF e Orzán SD, ademais de Rayo Vallecano, Villarreal CF, Athletic Club e UD Granadilla Tenerife.