O PSOE de Arteixo presenta unha moción para rexeitar a censura no mundo da cultura

por Redacción A Coruña

Os socialistas piden a reafirmación do compromiso do concello na defensa da liberdade de expresión e artística e o total apoio ao mundo cultural: “Sen cultura non hai democracia”

O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno de xullo para rexeitar a censura no mundo da cultura na que piden que toda a corporación municipal reafirme a defensa da liberdade de expresión e artística e o total apoio ao mundo cultural porque “sen cultura non hai democracia”

Os socialistas argumentan a necesidade desta moción porque desde a constitución das novas corporacións locais en toda España, “estamos asistindo ao goteo constante de episodios de censura de actos culturais por todas as cidades e vilas do país”  promovidos polo partido de ultradereita Vox, alí onde teñen cargos de responsabilidade coma alcaldes ou concelleiros de goberno, contando en moitos casos coa aquiescencia do seus socios goberno do Partido Popular.

“Falamos de numerosos casos” afirma a voceira socialista, Patricia Boedo, que lembra a cancelación da obra ‘Muero porque no muero’ de Paco Becerra nos Teatros del Canal en Madrid; a obra “Nua” de Ann Perelló en Palma; a representación de “Orlando” da compañía teatro Defondo en Valdemorillo; a representación da “Villana de Getafe” de Lope de Vega nesa vila madrileña, ou a cancelación da proxección da película “Ligthyear” en Santa Cruz de Bezana (Cantabria), entre outros.

Para os socialistas estes casos “non son anecdóticos ou illados” e parecen responder a unha estratexia de “guerra cultural” que a ultradereita quere levar a cabo dende as institucións públicas. “O que supón un ataque directo as liberdades que tanto costou conseguir neste pais” sinalan.

“Todos os demócratas debemos ser conscientes que esta agresión a liberdade de expresión supón un retroceso inaceptable na nosa sociedade, e temos o deber de defender todas e cada unha das conquistas democráticas que conseguimos nos últimos corenta anos de democracia” explica Boedo, ao tempo que lembra que dende as institucións débese “garantir a liberdade artística e protexer o sector cultural fronte aos que queren volver aos tempos da censura” porque .”a cultura é un dereito fundamental que, na súa creación, expresión e acceso, non debera someterse a ningún tipo de censura”.

Por esta razóns propoñen que se adopte un acordo para manifestar o absoluto rexeitamento e condena de todos os actos de censura que se están a producir en todo o país e unha reafirmación do compromiso e defensa da liberdade de expresión e artística, para mostrar o total apoio ao mundo cultural. “Xa que sen cultura non hai democracia” remata a voceira socialista.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario