Destaca que o BNG dispútalle escanos ao PP en todas as provincias e apela a mobilización do voto rebelde e de País: “A vosa papeleta é a do BNG”
“Ningún voto rebelde, ningún voto de País, ningún voto inconformista pode quedar na casa este 23X. Hai que encher as urnas coa papeleta BNG”, apelou en Vigo a portavoz nacional, Ana Pontón, convencida de que o orgullo de ser galego fará posible acadar non Congreso un grupo forte do BNG para defender coas mans libres as causas do País.
“Conseguir un grupo galego forte, con deputados e deputadas nas catro provincias é posible, claro que si”, asegurou nunha nova chamada para que todos os galegos e galegas que votaron BNG nas últimas citas coas urnas, nas municipais e antes nas galegas, renoven a súa confianza este domingo. Con seu apoio, esgrimiu, haberá un grupo forte e orgullosamente galego para defender Galiza en Madrid. “Témolo ao alcance da man”, agregou.
Pontón participou en Vigo nun acto que compartiu coa cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, onde presentaron algún dos apoios cos que o Bloque concorre a estes comicios, como Helena Miguélez, Breogán Riobóo, Su Garrido, Henrique del Bosque e Carmen Santos.
Un acto que a portavoz nacional aproveitou para esgrimir as razóns da “urxencia” de que o País, da man do Bloque, teña unha voz forte no Congreso para facerse valer na defensa dos seus intereses e para “parar os pés a un Feijóo cada vez máis ultra aliado coa extrema dereita”.
Explicou así é que o BNG é a única forza “coas mans libres” para poñer Galiza por diante de calquera outro interese, fronte as forzas estatais que levan alternándose na discriminación ao País en función de quen sente na Moncloa e que só ven aquí “un caladoiro de votos”.
O Bloque, afondou, preséntase ademais coas credenciais de que “nunca lle fallou e nunca lle vai fallar a Galiza”. “Ás forzas estatais que agora veñen darnos leccións de utilidade no voto dígolles que un só deputado do BNG foi máis útil na defensa de Galiza que os 22 restantes”, manifestou.
“En Galiza a alternativa real ao PP é o BNG, cada escano máis do BNG é un menos para Feijóo”, proseguiu o seu discurso referíndose a outra das razóns para escoller a papeleta do Bloque na procura dun grupo forte que leve o orgullo de ser galego ao Congreso. Precisou, neste sentido, que o BNG lle está a disputar ao PP escanos nas catro provincias, “tamén en Lugo e en Ourense, onde é posible facer historia e conseguir por primeira vez un deputado e unha deputada que sitúen a Galiza interior na axenda do Estao. Que xa vai sendo hora!”, salientou.
O voto que empodera Galiza
“O voto ao BNG é o que empodera Galiza en Madrid”, fixo ver Pontón nun acto no que, nunha nova chamada á mobilización do electorado que sinte o noso, advertiu de que “non é o momento de votar nin por medo, ni polo mal menor. Ao contrario, é o momento de votar con ilusión, con esperanza, con ganas e con orgullo do noso para conseguir o grupo galego forte que faga valer Galiza en Madrid”.
A líder do Bloque finalizou a súa intervención en Vigo facendo un chamamento especial á xente moza para que se mobilice o 23X e encha as urnas de rebeldía na defensa “dunha Galiza na que poidan ter futuro, unha Galiza verde que loita contra o cambio climático, unha Galiza diversa, plural, inclusiva”.
O mesmo chamamento fixo para que as mulleres sexan “decisivas” nestas eleccións, porque “non podemos permitir nin un paso atrás nos nosos dereitos e liberdades” cun Feijóo que recortou as axudas ás vítimas de violencia machista e agora vai de ganchete coa extrema dereita machista e negacionista. “Votar BNG é a mellor maneira de quitarlle escanos ao PP e seguir avanzando nunha Galiza feminista, de mulleres libres e iguais”, finalizou Pontón a súa intervención en Vigo.
Ser galega e exercer de galega en Madrid
Pola súa banda, a cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, destacou que o grupo de persoas que amosou hoxe o seu apoio ao BNG en Vigo de cara ao 23X “representa a viveza da sociedade galega”. Son persoas, subliñou, que demostran confianza e compromiso co pobo galego e que acreditan nas potencialidades de Galiza, e que saben “que só desde nós propios, sen dependencias, sen submisións, podemos construir un país vivo, dinámico e con futuro”.
A candidata do Bloque considerou que “non abonda con ser galega” para defender o País en Madrid, senón que “hai que exercer como tal”, ao que se comprometeu para afrontar retos como a crise de prezos, a emerxencia climática, a descarbonización da economía, o acceso á vivenda ou o avance nos dereitos sociais e laborais.
O grupo galego forte do Bloque traballará no Congreso “arreo, sen tutelas nen submisións, para facer avanzar o país con políticas transformadoras en beneficio da maioría social”, expuxo Da Silva, que animou a acudir ás urnas o domingo “pensando nesa Galiza coa que soñamos: orgullosa do noso, libre, feminista, inclusiva, diversa, con dereitos, con oportunidades”.