Isabel Rodríguez dá a benvida aos 7 axentes da Policía Nacional que realizarán as súas prácticas na provincia de Lugo

por Redacción Lugo

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, deu a benvida aos 7 policías nacionais que realizan as súas prácticas e o seu último período formativo nas Comisarías da provincia, nun acto no que tamén participou o comisario principal xefe provincial, José María Esteban. “Estamos moi orgullosos de poder axudarlles a finalizar a súa formación. Unha formación que non só é teórica cos axentes nas Comisarías, senón que tamén é práctica na rúa, traballando en todas aquelas demandas que necesiten os lucenses”, dixo a subdelegada.

Isabel Rodríguez mostrouse “moi contenta” por recibir a 6 axentes e 1 inspector e convidoulles a permanecer en Lugo unha vez que terminen o seu período formativo. Durante o encontro, trasladoulles o orgullo que é para ela que “a provincia e o corpo reciba de forma animosa novas incorporacións que queiran traballar con vocación para garantir a orde pública, defensa dos dereitos e liberdades dos lucenses e a seguridade cidadán”. Por último, desexoulles sorte e éxito nesta nova etapa aos profesionais en prácticas asegurando que “a súa contribución ao corpo vaise notar de maneira positiva en todas as áreas nas que estean implicados”.

Tras superar o curso académico na Escola de Policía de Ávila, a 38º promoción suma 6 policías para a Comisaría de Lugo e a 35º promoción, 1 inspector para a Comisaría de Monforte de Lemos. Os axentes realizarán durante 11 meses as súas prácticas en Lugo e o inspector en Monforte nun período de 7 meses. Case a metade dos policías de prácticas son naturais da provincia de Lugo, de onde proceden 5, 1 de Oviedo e 1 de Tomelloso.  Todos estes profesionais teñen unha media de idade de 31 anos e despois de realizar ás prácticas pasarán á espera dun novo destino.

Lugo acolle o acto central

A cidade de Lugo acollerá o vindeiro 27 de xullo, diante do Concello, o acto oficial de recepción dos novos policías en prácticas de toda Galicia, que se incorporarán ás principais Comisarías das catro provincias.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario