O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, interviu hoxe no acto do Día Nacional de Galicia que os socialistas desenvolven en Rianxo, onde fixo un chamamento protexer a autonomía galega das forzas reaccionarias que foron derrotadas o pasado domingo nas urnas e que ameazan coa “involución e o retroceso” nos dereitos e nas liberdades acadadas nos últimos anos.
Formoso, acompañado do portavoz municipal dos socialistas rianxeiros, Óscar Rial, depositou a tradicional ofrenda floral diante do busto de Castelao do Paseo da Ribeira, en Rianxo, antes de pronunciar un discurso no que referendou o compromiso do PSdeG “co progreso e o benestar da nosa terra, e cunha lingua milenaria que temos que protexer e preservar” para transmitila activamente ás vindeiras xeracións.
Formoso non deixou pasar a oportunidade do acto de Rianxo para volver a reivindicar a necesidade de avanzar nunha reforma do Estatuto de Galicia co fin de poñerlo ao día logo de 42 anos de vida. “Non podemos seguir mirando como nos adiantan outras comunidades autónomas, acadando máis competencias, mentres nós, que eramos unha autonomía de primeira, seguimos lastrados polo inmobilismo e a parálise” auspiciada polo PP, resolveu.