Ángel Mato. «O nomeamento de Rey Varela como senador é un “fraude á cidadanía de Ferrol»

por Redacción A Coruña

O recente anuncio do nomeamento de José Manuel Rey Varela como senador por designación autonómica é, para o grupo socialista local, un “grave erro”, ademais de constutir un fraude e unha falta de palabra e compromiso do actual rexedor, que durante toda a precampaña a campaña electoral vendeu a bombo a platillo un compromiso total e inequívoco coa cidade.

Así o manifestou o voceiro do grupo municipal e secretario xeral do PSOE de Ferrol, Ángel Mato, que ademais foi o rexedor ferrolán ata as eleccións de maio de 2023, que afirmou que “o seu ferrolanismo durou escasamente un mes”. “Esta é unha traición clara aos ferroláns e ferrolás”, asegurou o voceiro socialista, que ademais de sospeitar que esta decisión estaba perfectamente planificada, engadiu que “demostra, unha vez máis, que non quería ser alcalde”.

Para Mato, resulta especialmente complicado compaxinar os dous postos, “e o digo con coñecemento de causa”. “Como ben repetiu ata a saciedade nos meses previos ás eleccións, Ferrol precisa atención a tempo completo, adicación as 24 horas dos sete días da semana, afirmación que comparto ao 100%, polo que marchar ao Senado -institución na que tamén estivo antes de acceder á Alcaldía e á que renunciou precisamente para concorrer ás eleccións de 2019 o propio Ángel Mato- impide poder facelo. Pero é que, ademais, como subliña o voceiro socialista, “pouco lle durou o seu compromiso con Ferrol”; un compromiso que Rey Varela foi anunciando e repetindo sistematicamente en actos públicos e medios de comunicación.

Nomeadamente, Ángel Mato citou textualmente unha frase que o actual alcalde do Partido Popular enunciou nun medio de comunicación con anterioridade ás eleccións municipais do 28 de maio: “Mi objetivo siempre fue Ferrol. Pudiendo estar en otros sitios, decidí estar aquí”. A este respecto, o voceiro municipal do PSOE sinalou que “está claro que coa súa marcha so Senado, falta á súa palabra e compromiso coa cidadanía”.

Consideran tamén os socialistas que as últimas manifestacións de Rey Varela asegurando que atenderá a cidade os sete días da cidade que “ou non é certo ou tampouco cumprirá os seus compromisos co Senado”, institución que precisa dun traballo aínda que non se teña ningún cargo especial. “Agora di que só acudirá aos plenos de cada semana, polo que se vai unicamente a darle ao botón, non cumpre coas obrigas que lle son encomendadas ao ser senador por designación autonómica; isto é a traballar en nome da Comunidade Autónoma”, indicou Mato.

“Con este tipo de comportamentos o único que se consigue é dar argumentos ás persoas que defenden que a política é tan só un medio para acceder a un soldo”, apuntaron dende o grupo socialista, que preguntan a Rey Varela se o feito de “renunciar” ao soldo de alcalde (que realmente é incompatible co de senador) tamén renuncia a outro tipo de emolumentos que si se poden percibir e compatibilizar, como son o de asistencias a plenos ou xuntas de goberno.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario