Un lugar con apenas mil setecentos habitantes, paso obrigado de camiñantes cara Fisterra e agora mesmo mergullado no Medievo e aprestándose para combater ao arcebispo Rodrigo de Luna e ás súas tropas, que chegaban con intención de derrocar aos locais, algo así coma os Corcubión – Cee da época. Non o deron conseguido pola defensa numantina dos veciños, que prantaron batalla e non precisaron nin chegar aos penaltis. Case seis séculos despois, Corcubión aínda é un pobo unido cando se trata de defender o seu, a súa historia cultural e política como en tempos de Dona Xoana e Don Rodrigo Moscoso. Sede administrativa e xudicial da comarca, non coñece alcalde nin alcaldesa do PP (antes AP) desde o tres de abril de 1979, cando Rafael Mouzo se impoñía nas urnas para iniciar un longo período de vintecinco anos de goberno nacionalista. Chegaría posteriormente unha candidatura independente e, ata hai un mes, o PSOE, desbancado polo BNG que retoma tanto tempo despois o bastón de mando municipal. Quizais por iso ese Corcubión en roxo sorprenda nalgures, pero non aquí, onde os que cada día pisamos as súas rúas e desfrutamos da vida tranquila que nos ofrece, sabémonos tan a salvo como naquel século XV onde o pobo tamén se defendía para non deixalos pasar.
Corcubión en roxo. Por @DulceCorcu
Apagado momentáneamente o balbordo do resultado electoral (hai moita festa e a todo non se pode estar) aínda resoan, iso si, os que se deron en Corcubión porque foron a nota vermella nun mapa tinguido de azul. Só na histórica vila dos señoriais Altamira – paradóxicamente- a esquerda foi a forza máis votada en toda a Costa da Morte, e tamén o único Concello de toda a provincia da Coruña con máis votos que o PP. Como se soe dicir nestas excepcionalidades, se fose a lotaría non tocaba.
Escribe tu comentario
Escribe tu comentario