O documental ‘Xove, Democracia Nuclear’ proxectarase en doce localidades de Lugo

por Redacción Lugo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a produtora Como unha brizna proxectarán o documental ‘Xove, Democracia Nuclear’, sobre a mobilización social contra o a construción dunha central nuclear en Xove, proxectarase en doce localidades da provincia de Lugo

Drixido polo xornalista leonés Pedro Lechuga, o documental, que conta coa colaboración da Asociación de Prensa de Lugo, recupera as historias vividas na Mariña cando en novembro de 1973 se fixo público o proxecto a través dos medios de comunicación, recollendo os testemuños de quince persoas vinculadas á mobilización, veciñanza e persoas vinculadas ao nacionalismo, ao Sindicato Labrego Galego, xornalistas e catedráticos, ademais do alcalde de Xove na época, Jesús López González.

O documental proxectarase en Xove, Barreiros, Lugo, Vilalba e Sarria, seguido dunha mesa redonda na que o director de ‘Xove, Democracia Nuclear’, xunto a algúns dos protagonistas compartirán co público as súas reflexións sobre ese acontecemento histórico. Tamén se programarán proxeccións no Vicedo, Viveiro, Cervo, Burela, Foz, Ribadeo e O Valadouro.

A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “a Vicepresidencia da Deputación comprometeu o apoio ao documental desde que o seu director e a Asociación de Prensa de Lugo nos presentaron o proxecto, a través da colaboración con este ciclo de proxeccións que contribuirán a difusión dun momento histórico na loita popular e ecoloxista en Galiza”.

Pedro Lechuga destaca a súa satisfacción polo resultado final deste traballo de investigación “xa que conseguimos contar coa participación dun gran número de protagonistas, o que achega ao espectador unha visión global do que se viviu na Mariña nas décadas setenta e oitenta e que é importante que non caia no esquecemento, motivo polo cal estamos moi agradecidos á vicepresidencia da Deputación de Lugo, xa que grazas á súa colaboración poderemos proxectar ‘Xove, Democracia Nuclear’ neses municipios lucenses”.

‘Xove, Democracia Nuclear’ forma parte do proxecto a nivel nacional ‘Democracia Nuclear’, que ten como obxectivo recuperar as historias das diferentes mobilizacións antinucleares xurdidas en España nos anos setenta. Neste sentido, hai uns meses xa se estreou nos cinemas ‘Coyanza-1975, Democracia Nuclear’, o documental que narra o acontecido na provincia de León en 1975 cando se coñeceu a intención da ditadura de construír unha central nuclear en Valencia de Don Juan.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario