Alfonso Rueda, puxo en valor a importancia social e económica das empresas pesqueiras de capital galego na Arxentina

por Redacción Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras unha visita polas instalacións de tres industrias na zona da Patagonia dixo que “un dos obxectivos desta viaxe é difundir a enorme e importantísima presencia que empresas galegas teñen aquí, creando miles de postos de traballo, estando totalmente establecidas, integradas, formando parte da economía local”.

O titular do Goberno galego, acompañado do conselleiro de Pesca, Alfonso Villares, fixo fincapé en que o sector da cadea mar-industria galego permite dinamizar a economía arxentina e crear emprego de calidade ao apostar por transformar o seu produto neste país á vez que actúa como embaixador do selo Galicia Calidade fóra da comunidade. En concreto, as empresas pesqueiras de capital galego xeran 5.500 empregos na Arxentina.

Ante a importancia do sector pesqueiro, no que Galicia é líder internacional, tanto para a economía galega coma a Arxentina, Rueda trasladou ás empresas que contan co total apoio da Xunta para manter como ata agora as condicións para operar neste país, unha mensaxe que tamén trasladará as autoridades arxentinas coas que manterá encontros ao longo desta viaxe institucional.

O presidente visitou as instalacións de Conarpesa, Iberconsa e Estrella Patagónica, empresas pesqueiras de capital galego que contan coas súas sedes na Patagonia. “Lévome unha magnífica impresión. Son empresas moi importantes e, por que non dicilo, son tamén un orgullo. É un orgullo saber que tan lonxe de Galicia está a presenza galega consolidada e medrando a pesar das dificultades”.

Reunión co gobernador da provincia de Chubut

Ao longo da mañá, o presidente da Xunta tamén mantivo un encontro co gobernador da provincia de Chubut, Ignacio Torres. Durante a reunión, o titular do Executivo autonómico trasladoulle o desexo de afianzar as boas relacións institucionais existentes ata agora entre as autoridades galegas e arxentinas e avaliaron a contribución das empresas pesqueiras galegas á economía do país. “Dicíanme agora no encontro que tivemos agora que son empresas fundamentais en esta zona, e que polo tanto un dos seus obxectivos principais é intentar darlles as máximas facilidades posibles para que se asenten aquí e sigan creando riqueza.”

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario