O PSdeG acusa ao PP de “intentar boicotear e logo ser incapaces de xestionar” a chegada dos fondos europeos para Galicia

por Redacción Galicia

Begoña Rodríguez Rumbo sinala que o informe do Consello de Contas advirte dunha “execución notablemente baixa” xa que só 1 de cada 4 euros foi recibido polo tecido económico galego

A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou este luns ao PP de, en primeiro lugar, intentar boicotear nas institucións europeas a chegada dos Fondos Next Generation, para demostrarse finalmente que son “incapaces” de xestionar a súa aplicación en Galicia, como así expón o Consello de Contas.

A representante socialista compareceu para falar en concreto do informe do Consello de Contas relativo á fiscalización da aplicación dos fondos Next Generation por parte do goberno galego. Considera que o goberno do PP, primeiro con Feijóo e logo con Rueda, intentou utilizar estes fondos para facer unha “confrontación furibunda” co goberno do Estado, coa única intención de crear unha “cortina de fume” para ocultar a súa “nefasta xestión” dos fondos europeos recibidos.

Recordou tamén que mentres a creación destes fondos e o seu reparto entre os países membros se estaba a negociar en Europa, sendo Pedro Sánchez “un dos principais impulsores”, os líderes do PP, primeiro Casado, logo Feijóo e Rueda, acudiron á Comisión Europea para “boicotear” a súa chegada a España, aínda que recorda que ao actual presidente da Xunta non foi recibido. Entende polo tanto, que eses 140.000 millóns de euros nunca os recibirían os españois, así como os galegos a súa parte, se dependese do Partido Popular.

No relativo ao informe, Rodríguez Rumbo incidiu en que o Consello de Contas critica a “execución notablemente baixa” dos Fondos Next Generation, sendo que do total de 539 millóns de euros recibidos pola Xunta no 2021, só contraeu obrigas por 136 millóns de euros. Isto significa que tan só o 25% dos cartos que recibiu Galicia chegaron ao tecido económico, un de cada catro euros. Ese é para os socialistas o “balance” da xestión da Xunta nos fondos europeos, “confrontar e non executar”.

A vicevoceira socialista tamén entrou a valorar que o goberno galego quere facer todo o posible para que non se coñezan os informes do Consello de Contas, acusando ao executivo dunha “falla de transparencia” deliberada.

Destacou entre as problemáticas que dificultan a labor de fiscalización da xestión do goberno, como que se presentan estes informes a finais de xullo, un período onde hai menos atención mediática, ou que se analice a actividade de dous anos atrás, en vez do ano inmediatamente anterior, entre outras “irregularidades”. Do mesmo xeito, denunciou que a Xunta ignora ano tras ano as recomendacións e advertencias que fai este organismo fiscalizador sobre a súa xestión.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario