A reforma laboral segue impulsando a creación de emprego

por Redacción Galicia

En Galicia a contratación temporal é dez punto superior á rexistrada no conxunto do Estado

2-08-2023.- Os datos coñecidos hoxe indican que en xullo o paro rexistrado reduciuse en Galicia en 1579 persoas, un 1,22 %, e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 14402 afiliados e afiliadas (un 1,36%). Se consideramos os datos da afiliación media mensual, esta sube en 10898 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (un 1,02%). A caída do paro é superior á rexistrada no conxunto do Estado e o crecemento da afiliación tamén é maior.

O dato do paro rexistrado, con 127445 desempregadas e desempregados, é o máis baixo da serie histórica. O nivel de emprego, medido en termos de afiliación á Seguridade Social, sitúase a niveis de 2008 quedando en torno a 15000 persoas afiliadas por baixo do nivel máximo acadado entón.

O desemprego redúcese tanto nos homes (1257 desempregados menos) coma nas mulleres (322 desempregadas menos). A maior redución do desemprego masculino (2,37%) que do feminino (só o 0,42%) consolida a fenda das mulleres no desemprego, onde seis de cada dez persoas paradas son mulleres.

O desemprego cae en 82 mozos e mozas menores de 25 anos mentres que entre as persoas maiores desa idade se reduce en 1497 desempregadas. Non obstante, en termos porcentuais a redución na mocidade é superior que nas persoas maiores: 1,77% fronte a 1,22%

No mes de xullo fixéronse 75906 contratos en Galicia (un 3,78% máis que en xuño). O groso deles son temporais (53339 temporais por 22567 indefinidos).

CCOO valora positivamente os datos publicados que reflicten unha baixada do desemprego que se traslada a todos os sectores de actividade, con maior intensidade nos servizos e na industria, a ambos sexos e que afecta a todas as idades; así como o incremento da afiliación superior ao rexistrado no Estado. A reforma laboral sigue influíndo positivamente tanto na cantidade como na calidade do emprego (o 30% dos contratos que se rexistraron no mes de xullo eran indefinidos cando antes da reforma non chegaban ao 10%)

Como datos menos positivos, queremos destacar a ralentización na redución do desemprego e na contratación rexistrada, o espectacular incremento da contratación temporal nos últimos meses non só en valores absolutos senón na comparativa co Estado que ten unha porcentaxe de contratos temporais dez puntos inferior e tamén o aumento do número de traballadores e traballadoras afectados por ERTEs que pasan de 668 a 1180 no último mes.

Análise por sexos e sectores

En Galicia están no desemprego 51732 homes (1257 menos que en xuño) e 75713 mulleres (322 menos que no mes anterior). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres a pesares da boa evolución do mercado laboral no último mes o que agrava a súa situación de desigualdade no mercado laboral. Atendendo ás idades , hai 4554 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (82 menos ca en xuño) e 122891 maiores desa idade (1497 menos).

O paro diminúe en todos os sectores de actividade: no primario hai 164 persoas desempregadas menos, na industria 339, na construción 205 e 732 nos servizos. O colectivo sen emprego anterior cae en 139 persoas.

Análise da contratación

En xullo rexistráronse en Galicia 75906 contratos, dos que 53339 foron temporais e 22567 indefinidos. O volume de contratos rexistrados foi superior nun 3,78% aos formalizados no mes precedente: a contratación indefinida cae nun 1,85% mentres que a temporal sube un 6,37%. De cada 10 contratos rexistrados, 3 son indefinidos. No estado son 4 de cada 10.

Afiliación á Seguridade Social

Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sube en 14402 persoas, ata situarse en 1074883 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 1,36 % respecto de do mes anterior.

A afiliación media mensual aumenta en 10898 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1078128. Deste total, 851611 corresponden ao réxime xeral, 206590 ao de autónomos e 19927 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase nun 1,02 %.

Prestacións por desemprego

En xuño cobraron algún tipo de prestación por desemprego 76573 persoas: 33436 prestacións contributivas e 43137 subsidios.

En relación aos ERTE do mes de xullo, sinalar que o número de traballadores e traballadoras afectados case duplica os do mes precedente: 1180 persoas a final do mes, das cales 1121 estaban en ERTE etop e 59 en ERTE forza maior.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario