A Xunta de Goberno Local resolveu a adxudicación definitiva dos cinco lotes asociados ao servizo, que inclúe contratos específicos para promover a inserción laboral e garantir, ademais, un control de calidade das tarefas
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se deu luz verde á adxudicación definitiva do contrato de conservación, mantemento e mellora dos parques e xardíns da cidade, que abrangue cinco lotes que implicarán un investimento anual de 7,5 millóns.
Tras valorar as ofertas presentadas, adxudicouse o lote 1 á UTE conformada por Jardinería Arce, Manuel Rivas Boquete e Construcciones López Cao, cun contrato de 2,4 millóns anuais; o lote 2, á UTE composta pola Constructora San José e El Ejidillo Viveros Integrales, cun contrato de 2,5 millóns anuais, e o lote 3 á UTE formada por Ingeniería y Diseños Técnicos e Sogesel Desarrollo y Gestión, cun contrato de 2 millóns por anualidade.
Estes tres lotes atenderán, especificamente, á prestación de traballos periódicos de conservación e mantemento da infraestrutura verde municipal, levando a cabo unha actualización do inventario do arboredo existente na Coruña, así como un seguimento do estado do mobiliario urbano e as zonas de paso en enclaves como a contorna da Torre de Hércules, así como nos circuítos interiores dos xardíns de Méndez Núñez, xardíns de San Carlos, monte de San Pedro, e os parques de Bens, Santa Margarida, Adolfo Suárez, Oza, Eirís, San Diego e parque Europa.
Ademais, resolveuse a favor da empresa Teknimap Energía y Medioambiente o lote 5, unha das principais novidades do servizo de mantemento e conservación das áreas verdes, xa que permitirá á dirección técnica municipal dispor dunha asistencia e control de calidade das tarefas realizadas, tanto en áreas verdes (infraestrutura verde) como nos accesos a praias, liña de costa, ríos e estanques naturalizados (infraestrutura azul). Este contrato específico será de 152.439 euros anuais.
O prazo de duración do servizo, nos cinco lotes, será de tres anos, prorrogables anualmente por outros dous máis.
Por outra banda, o Goberno de Inés Rey impulsará a inserción laboral grazas á adxudicación dun lote específico reservado a centros especiais de emprego ou empresas de inserción, promovendo a contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. A este respecto, o lote 4 adxudicouse á empresa Emprego Social, cun contrato de 340.124 euros por exercicio.
Fixación dos festivos locais de cara ao ano 2024
Ademais, na Xunta de Goberno Local de hoxe aprobouse a fixación dos festivos locais de cara ao vindeiro ano 2024. Serán os días 13 de febreiro, Martes de Entroido, e o 24 de xuño, pola festividade de San Xoán.
Licenza para legalizar o edificio dos números 6 e 8 na rúa Príncipe
Noutra orde de asuntos, este mércores tamén se fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 14 e 27 de xullo, con 183 expedientes notificados, dos que 8 foron licenzas urbanísticas e 129 foron obras en réxime de comunicado.
A este respecto, e no referente á area de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, o Goberno municipal resolveuse a concesión de licenza á promotora Iniciativas y Desarrollo Inmobiliario y de Arquitectura para repoñer a legalidade e rematar o edificio situado nas parcelas dos números 6 e 8 da rúa Príncipe, na Cidade Vella.
A proposta para legalizar a conservación do inmoble, avaliada previamente pola Comisión do PEPRI e coa correspondente autorización da Dirección Xeral do Patrimonio, plantexa, entre outros aspectos, a supresión dos vuelos na súa fachada posterior, o que permitiría a contemplación e musealización no treito da muralla medieval da cidade situado xunto ao inmoble.
Nomeamentos na estrutura directiva do Concello
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local certificouse hoxe o nomeamento das persoas titulares dos órganos que conforman a estrutura directiva do Concello. Son as seguintes:
- Coordinador Xeral da Área de Alcaldía: Antonio Francisco Alfeirán.
- Coordinador Xeral da Área de Economía e Planificación Urbana: Manuel Ángel Jove.
- Coordinadora Xeral da Área de Benestar Social: Carmen Pita.
- Coordinadora Xeral da Área de Fomento e Promoción da Cidade: Eva Blanco.
- Directora da Área de Gabinete da Alcaldía: Emma Cid.
- Directora da Área de Urbanismo: Gloria de la Montaña.
- Director da Área de Seguridade Cidadá: Carlos García Touriñán.
- Directora da Área de Cultura: Bettina Kohlhaas.
- Director da Área de Deportes: Daniel Regos.
- Director da Área de Turismo: Ignacio Martínez Dopico.