O deputado Oscar Insua ofreceu este venres 14 unha rolda de prensa na que anunciou novas iniciativas parlamentarias para que o goberno galego aprobe definitivamente o proxecto da primeira fase de prolongación da AG-55.
O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, anunciou este venres 14 de febreiro nunha rolda de prensa celebrada en Salto (Vimianzo) que vén de presentar novas iniciativas no Parlamento galego nas que reclama á Xunta de Galiza que inicie os trámites da licitación neste primeiro semestre do ano para executar o tramo da autovía AG-55 entre Salto e Berdoias, incluíndo o desdobramento da vía, con dous carrís para cada sentido de circulación.
O representante nacionalista, que compareceu acompañado dos alcaldes de Corcubión e de Zas, ademais de representantes do BNG das distintas localidades da comarca, explicou que esta semana visitou as oficinas da AXI (Axencia Galega de Infraestruturas) para ver os expedientes relativos á autovía, e declarou que van a esixir ao goberno galego que aprobe o proxecto da primeira fase de prolongación da AG-55.
Oscar Insua manifestou que “a Costa da Morte non pode agardar máis; comprobamos na AXI que despois de cinco anos, a Xunta contestou ás alegacións ao proxecto hai uns díase o teñen por tanto aínda sen aprobar. Que vaian buscando os cartos debaixo das pedras porque os 8 M€ non van chegar a nada”.
“Todo isto é produto do desleixo e falta de compromiso do PP coa comarca, e a situación ten que cambiar xa”, sinalou o parlamentario do BNG, que subliñou que “despois de dúas décadas de falsas promesas seguen sen rematar a autovía da Costa da Morte, namentres a comarca segue perdendo poboación e oportunidades de implantación de empresas por non ter unhas comunicacións competitivas, e sobre todo, perdendo vidas nas estradas ao persistir menos seguridade nelas”.
Insua insistiu en que “o BNG non vai a permitir que pasemos por unha autovía de segunda, e agardamos que o PP da Costa da Morte non se agoche e lle esixa ao goberno galego que cumpra co que prometeu”.