A Asociación Hostelería Compostela prevé unha ocupación do 81,7 % para este mes de agosto, segundo os datos obtidos entre as súas hospedaxes asociadas. Unha cifra que están convencidos “subirá coas reservas de última hora”.
Así o trasladou o presidente da asociación, Thor Rodríguez, quen tamén revisou as cifras do ano pasado nas que na mesma data a previsión era dun 72,49%, “co cal cremos que a situación deste ano é moi óptima”, aínda que matizou “de momento é só unha previsión e que haberá que ver o balance a final de mes”.
Rodríguez si incidiu no seu optimismo, tendo en conta que “hai moitos establecementos entre os nosos asociados que xa están completos e co 100% de reservas durante todo o mes”.
En canto á previsión para a ponte de agosto, a día de hoxe é dun 81,72%, un dato “moi positivo, superior á previsión do ano pasado a estas datas”.
Thor Rodríguez tamén explicou que “hai unha desigual ocupación entre os hoteis dependendo da súa situación. Na améndoa e en hoteis pequenos, hostais e albergues, a ocupación é practicamente do 100% e segundo vas afastando a ocupación vai baixando. Si se prevé como un mes moi positivo para o sector”.
“O que nos preocupa agora, sinalou Rodríguez, ”é que o gasto que fan as familias cando veñen visitar Santiago non é o mesmo que o do ano pasado. Hai unha contención por parte dos turistas que visitan a cidade, tanto do estranxeiro como do nacional, cunha rendibilidade menor para os negocios de hostalería”.