O PP denuncia que “Tomé condena aos veciños da Pobra do Brollón a circular por varias das peores estradas de toda a provincia”

por Redacción Lugo

Ameijide esixe unha actuación inmediata nas estradas da Pobra do Brollón para garantir a seguridade viaria dos veciños xa que hai fochancas que ocupan máis da metade do ancho

Os deputados populares seguen cumprindo con seu calendario de visitas a todos os municipios da provincia e hai uns días estiveron na Pobra do Brollón onde comprobaron como José Tomé condena aos seus veciños a ter que circular por algunhas das estradas peor conservadas da provincia.

Antonio Ameijide e Carmen José López, voceiro e vicevoceira do Grupo Provincial Popular, estiveron acompañados de Teddy López, voceiro popular na Pobra do Brollón, onde tiveron serias dificultades para poder circular pola LU-P-4710 (de Salcedo á Estación da Pobra do Brollón) “seguramente unha das tres estradas en peor estado de conservación da provincia”. “Nótase que hai anos que non se realiza nin o traballo máis mínimo de conservación, xa que hai fochancas  duns 40 centímetros de profundidade e varios metros de lonxitude”, explicou.

A realidade é que Tomé soamente mira para Monforte, onde ten permanentemente unha das brigadas de mantemento da Deputación, mentres que as outras dúas realizan traballos en municipios afíns, é dicir, gobernados por socialistas e nacionalistas. “Imaxinamos que Tomé podería actuar en breve nestas estradas xa que a Pobra do Brollón está gobernada por un alcalde do BNG”, indicou.

Unha situación que semella manterase os vindeiros catro anos tras ver como hai dúas semanas o goberno provincial negouse a crear unha mesa de traballo para repartir de forma xusta os medios do parque móbil entre todos os concellos lucenses de menos de 20.000 habitantes para que poidan realizar os traballos de arranxo e mantemento necesarios nas redes viarias de titularidade municipal.

“Seguimos a ver como o goberno provincial segue a dar as costas a miles de veciños da provincia, mirando unicamente por aqueles que viven en municipios gobernados por PSOE ou BNG, polo que moito nos tememos que nos vindeiros catro anos repítase o mesmo guión dos últimos catro anos, equipos de mantemento para os mesmos concellos e ningún para o resto”, lamentou.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario