Javier Castiñeira critica a falta de coordinación dentro do equipo de goberno o que provoca “actitudes ditatoriais” por parte do alcalde polo que veciños, turistas, hostaleiros e comerciantes non saben como actuar nos vindeiros días
Lamentablemente nada cambiou nos últimos meses coa entrada do novo equipo de goberno no Concello de Foz. “Novas caras que repiten os erros do pasado”, así de contundente se amosa o voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, que critica con severidade “a nula transparencia” do alcalde á hora de informar á veciñanza e aos turistas dos problemas de abastecemento.
Hai días que non hai servizo tras unha análise negativa na auga da rede pública, pero “veciños, turistas, hostaleiros e comerciantes seguen sen poder consumir a auga da traída, un problema serio do que o alcalde se nega a informar”.
Sinala Javier Castiñeira que “agora que Foz conta cun equipo de goberno con máis concelleiros e dedicacións a realidade é que os servizos cada vez teñen máis problemas, mentres que as solucións brillan pola súa ausencia”. Un equipo de goberno formado por once persoas que, se supón, están a traballar por Foz, pero na realidade non se nota. “Canta máis xente hai, menos servizos se ofrecen e peor xestión”, denunciou.
A veciñanza da vila segue sen facerse unha idea da gravidade do problema e de canto tempo se prolongará no tempo para poder ter unha previsión e así saber como actuar nos vindeiros días. Para o voceiro popular “a imaxe que se está a dar de Foz, unha vila turística, é moi negativa, sumindo a Foz, en plenas festas de San Lourenzo, no caos”.
Nula capacidade de xestión
Lamenta Javier Castiñeira que neste caos no que sumiron a Foz, o alcalde fala de “cobrar taxas turísticas mentres esquece o máis importante, dar servizos básicos á veciñanza”.
A realidade é que neste verán en Foz os servizos non están á altura do que deberían ofrecerse. Os pasos de peóns están sen pintar; caos circulatorio derivado de ter vías cortadas e outras mal sinalizadas, o que provoca atascos diarios e que os condutores non saiban como circular por determinadas zonas, sen esquecer a recollida do lixo, “un servizo que está nun déficit absoluto”.