Os días 18, 19 e 20 de agosto terá lugar a Festa do Esquecemento no Concello de Xinzo de Limia, coa súa vixésimo terceira edición.
O presidente da A.C Civitas Limicorum, entidade organizadora do evento, tivo oportunidade de explicar o detalle da programación prevista para esta recreación histórica, lembrando que «a Festa do Esquecemento serve non só para transmitir a nosa cultura e pasado comúns, senón tamén para dinamizar económicamente a vila de Xinzo».
A variada programación prevista para a fin de semana inclúe desfiles, concertos, espéctaculos e actividades infantís entre outras. Tamén se destaca o mercado de artesanías ubicado no Parque do Toural e que cada ano conta con máis sona e recoñecemento ó longo de todo o territorio. As previsións para esta vixésimo terceira edición da Festa son moi optimistas, contando superar en número de visitantes ós anos previos.
O rexedor local Amador Díaz quixo convidar a toda a veciñanza a «participar dun evento que xa está máis que consolidado e ó que inda lle queda un prometedor percorrido por diante».