Miguel Gallego insta á alcaldesa a dar exemplo e a evitar usos innecesarios da auga para tratar de evitar posibles cortes de subministro xa que hai veciños que teñen problemas para dar de beber ao gando e para abastecerse
O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, cualfiica de “irresponsable” á alcaldesa do municipio polo uso que está a facer dos recursos hídricos en plena época de seca. “En lugar de facer un uso racional e responsable da auga, como se fai no resto de municipios, semella que aquí sobra”, explicou.
A realidade é que moitos concellos da provincia xa tomaron medidas para regular o seu uso, outros están a recomendar un uso responsable e o resto están a avaliar a posible toma de medidas restritivas ante a falta de choivas e as elevadas temperaturas. Pero en Samos, explica o voceiro popular, “non se toman medidas a pesar de que moitos veciños xa teñen problemas para dar de beber ao gando e incluso para abastecerse na súa vida cotiá”.
Miguel Gallego fai esta denuncia tras comprobar como, en plena época de seca, o Concello de Samos “está a malgastar miles de litros de auga no baldeo das beirarrúas da vila, rega de xardíns e xardineiras con mangueiras e caldeiros, malgastando uns recursos moi valiosos”.
“Non se pode entender que mentres a maioría de administracións públicas piden que se faga un uso responsable da auga, no Concello de Samos se gaste este recurso tan valioso en limpar beiarrúas cando hai veciños que teñen problemas de abastecemento”, denunciou.
Miguel Gallego afirma que agora comprobamos a política “ecoloxista” do BNG en Samos, onde a súa alcaldesa en lugar de dar exemplo para tratar de evitar posibles cortes de subministro.