O FICBUEU regresa en setembro con 89 curtametraxes de preto de 30 países

por Redacción Galicia

O certame consolídase na súa 16ª edición como “unha xanela dende a que coñecer o novo cinema internacional de autor sen esquecer a nosa propia identidade”

BUEU10.08.2023. Volve o FICBUEU. Durante a décimo sexta edición, que dende o a vila buenense amosa cada ano as novas tendencias de creación cinematográfica e de cinema de autor, proxectaranse 89 curtametraxes dunha trintena de países dos cinco continentes.  Será do 8 ao 23 de setembro. Un total de 28 curtas participan na sección oficial do Festival. Poderán verse entre os días 11 e o 17 de setembro no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. As curtas a competición presentaranse en dúas sesións de proxeccións que terán lugar ás 19.30 e ás 21.30 horas e haberá un coloquio con cineastas en cada sesión. (A grella completa está neste enlace).

O compromiso social con colectivos en risco de exclusión, o fomento de valores como o respecto e a igualdade, e o apego ao territorio, a Bueu, volverán ser algúns elementos diferenciais do FICBUEU.

O cartaz da 16ª edición do Festival foi deseñado pola ilustradora Natalia Umpiérrez. Artista multidisciplinar que completou a súa formación en ilustración e animación na Universidade de Vigo, Umpiérrez participa ademais en colectivos vencellados á difusión da cultura coma o Liceo Mutante da cidade de Pontevedra. É coautora de obras infantís coma  Cando Ana adoptou a Perico e Imaxinar animais imaxinarios.

De China a Mongolia pasando por Somalia ou Islandia

As películas a concurso están producidas ou co-producidas en 21 países dos 5 continentes. Moitas delas foron premiadas nos últimos meses nos festivais máis importantes do mundo. É o caso do documental Will you look at me?, do realizador chinés Shuli Huang, galardonado en Cannes, Sundance e Melbourne; da cinta Snow in September, da directora Lkhagvadulam Purev-Ochir, de Mongolia, que se fixo co premio á mellor curta en Venecia e Toronto, ou da curta de animación The Flying Sailor, das canadenses Wendy Tilby e Amanda Forbis, tamén distinguida en Sundance.

O FICBUEU amosará tamén outras «xoias» do cinema en formato curto chegadas de lugares coma India, Somalia, Islandia, Costa Rica, México ou Australia.

Galicia amosa o seu cinema

E non faltará a representación galega. O FICBUEU elixiu este ano catro curtas producidas ou dirixidas na comunidade –Ulises, de Félix Brixel; o documental Ruovesi, de Andrea Zapata-Girau; Alicia fai cousas, de Ángel Santos; e Sandwich Cat, curta de animación de David Fidalgo– para competir na sección oficial.

A programación inclúe ademais media ducia de curtametraxes de novos creadores e novas creadoras de Galicia no espazo denominado «GZ_00», que poderán verse o domingo 10 xunto aos traballos seleccionados para as seccións de «Escolas Internacionais» e «Descubertas». «Somos unha xanela dende a que coñecer o novo cinema internacional de autor sen esquecer a nosa propia identidade», afirman dende a organización do certame.

O Premio Cinema Galego FICBUEU será este ano para a actriz coruñesa Luisa Merelas. Recíbeo «pola súa importante traxectoria na televisión, no teatro e no cinema e polo seu compromiso coas producións e a cultura galegas», apunta a organización. Merelas participou en series como Pratos CombinadosMareas Vivas ou Fariña e películas como Los lunes al sol ou As bestas.

Actividades en paralelo

O FICBUEU ten entre os seus obxectivos a divulgación da cultura, especialmente da cinematográfica. De aí que o programa do Festival estea tamén cimentado sobre actividades coma as «II Xornadas Cinematográficas». Ou a sección «Retrospectiva», adicada nesta edición ao cineasta neerlandés Joris Ivens (1898-1989). O director, coñecido pola súa contribución ao cinema documental dende o campo das curtametraxes, foi testemuño directo dos principais eventos históricos do século XX, desde a guerra de Vietnam e as revoltas en Indochina ata as manifestacións en Bélxica. A Joris Ivens adícaselle este ano o Caderno FICBUEU#4. O seu autor, Severiano Casalderrey, estará en Bueu para presentar a publicación.

As futuras xeracións de espectadores de cinema seguen a ser de vital importancia para o Festival. O MiniFIC, a programación dirixida á rapazada, regresará no tramo final do certame. Haberá actividades especiais para a infancia e proxeccións para alumnas e alumnos de centros de ensino do luns 18 ao venres 22.

Residencia coa guionista Isabel Peña e podcasts en directo

O programa complétase cunha importante novidade: a «I Residencia FICBUEU», que se presentará o luns 11. Trátase dunha aposta do festival pola formación, o diálogo e o traballo en equipo a través dun programa de creación baseado no fortalecemento de proxectos de guión da man de profesionais con amplas traxectorias para impulsar as curtametraxes de novas autoras e autores. A Residencia terá lugar na Illa de Ons do 9 ao 15 de outubro e estará titorizada por Isabel Peña, guionista de filmes como As bestas ou El reino.

O FICBUEU volve apostar pola radio coma medio de difusión cultural. Cinco podcasts especializados en cinema visitarán o festival para realizar os seus programas en vivo e con público. Dende Bueu para o mundo. Abrirá «Café Derby 21», ao que lle seguirán «Kinótico», «El Cine de LQYTD», «Cine Divergente» e «Saltos de Eje». Os podcast realizaranse en directo ás 18.00 horas no Punto de Encontro do festival e a entrada será gratuíta ata completar aforo.

O FICBUEU é un do festivais de cinema de maior impacto en Galicia. A súa aposta polo cinema de carácter autoral, polos vencellos con Bueu e O Morrazo, ou polo apoio a valores coma os da igualdade, a integración e a solidariedade, convérteno nun certame diferente marcado polo seu compromiso co cinema, coa cultura e coa persoas.

569

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario