Iván Puentes: “É radicalmente falso que o PSOE renunciara a entrar nun Goberno bipartito. Se o alcalde quere gobernar en coalición que nos chame e que poña data e hora”

por Redacción Pontevedra

Puentes considera que, aínda que os socialistas non farán «unha oposición de terra queimada, na que votemos a todo que non, como fai o PP», a gobernabilidade desta cidade «require dun acordo, do tipo que sexa, entre o BNG e o Partido Socialista, porque do contrario, van ser catro anos complicados»

O portavoz municipal do PSOE na cidade de Pontevedra, Iván Puentes, calificou hoxe de «radicalmente falso» que os socialistas teñan decidido renunciar á conformación dun Goberno de coalición co BNG en Pontevedra, ao tempo que avanzou que o seu partido seguirá «a actuar con responsabilidade» e non se deixará guiar «nin por perrenchas de verán, nin por egos, nin por ningún tipo de dogmatismo». Puentes considera que «falta un pouquiño de obxectividade, de formalidade e de empatía á hora de poder valorar o papel do PSOE durante estes primeiros meses que levamos de mandato municipal», subliñando que «o que si ten decidido o Partido Socialista, e iso llo dixemos ao BNG en tódalas reunións que tivemos con eles, é que non se integrará nun Goberno Municipal que teña un único programa, que é o do BNG». «Integrarémonos nun Goberno Local no que o programa do Executivo xurda da confrontación dos programas do BNG e do PSOE, da síntese e dos puntos de entendemento de ámbolos dous. Polo tanto, con propostas do BNG, que serán a maioría porque teñen máis concelleiros que nós, pero tamén con propostas, proxectos e ideas que xurdan do noso programa. E de aí si que non nos imos apear», advertiu.

Neste sentido, afirmou que se Lores quere que haxa un Goberno de coalición en Pontevedra «teno moi fácil: que nos chame por teléfono ou veña ao noso despacho, que compartimos andar no Concello, e poñer unha data e unha hora na que quere sentar con nós para seguir negociando». Segundo precisou, «o BNG ten desde hai 15 días un documento para negociar, discutir punto por punto que cousas vemos e non vemos, o argumentemos e vexamos se podemos chegar a espazos de entendemento». «Se o BNG non quere formar un Goberno de coalición nestas circunstancias -sinalou Puentes-, o que ten que facer é anuncialo publicamente e dicilo claramente… Os concelleiros do PSOE podemos reunirnos mañá se o desexan, pero se hai que agardar ao mes de setembro, porque hai concelleiros nacionalistas de vacacións, pois agardamos. Quen ten que decidir isto é o alcalde, que é quen está no Goberno. O PSOE, agora mesmo, está na oposición. Se quere gobernar en coalición que chame e poña data e hora. Se quere gobernar en minoría, que o diga e poñemos fin a esta situación».

Non obstante, o líder do PSOE entende que «a gobernabilidade desta cidade require dun acordo, do tipo que sexa, entre o BNG e o Partido Socialista, porque do contrario, van ser catro anos complicados». Tal e como anticipou, os socialistas «non imos realizar unha oposición de terra queimada na que votemos a todo que non, como fai habitualmente o PP», pero «desde logo vai ser máis complicado gobernar se non hai acordo que se o hai».

Iván Puentes ten moi claro que a decisión sobre a fórmula de Goberno que debe rexer en Pontevedra durante os vindeiros catro anos está pois «en mans do alcalde e do BNG». Nunha comparecencia que tivo lugar esta mañá na Sala de Prensa do Concello e na que estivo acompañado polos concelleiros Yoya Blanco, Manuel Fariña e Marcos Rey, o socialista amosou a súa estupefacción coas diversas roldas de prensa que se teñen producido ao longo deste mes, «non sei se froito da calor, que tampouco foi excesiva nesta cidade», e que «baixo o noso punto de vista son inexplicables e moi pouco construtivas se o que un quere de verdade é facer gobernable Pontevedra». «Na última, protagonizada polo alcalde hai dous días, Lores facía unha serie de afirmacións que non se corresponden para nada coa realidade», indicou.

«O Goberno Local funcionou moitísimo mellor co PSOE que cando o BNG gobernaba en minoría»

Así, en dita comparecencia, o nacionalista arrogábase o dereito de falar en nome do Partido Socialista, dicindo que deducía que o PSOE non tiña intención de entrar no Goberno Municipal á vista do feito no último ano de mandato, durante a campaña electoral e durante estes dous primeiros meses do novo mandato. Ao facer balance dese mesmo período, Iván Puentes amosouse convencido de que «o único que lle pasou ao PSdeG no último ano de mandato é que pasou a ter a iniciativa, a tomar as rendas das súas concellerías, a ter voz propia e a xestionar para esta cidade, acadando, entre os 25 millóns de euros da estratexia Pontevedra Flúe e as subvencións do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, a Fundación Biodiversidade e o Bic (Ben de Interese Cultural) do Lérez, case 33 millóns de euros extra de fondos europeos para investir en Pontevedra».

«Non sei que é o que non lle gusta ao alcalde desta xestión. Eu desde logo, se fora alcalde, querería ter comigo a un partido que xestionase, que acadara fondos e que conseguise que este Goberno e esta cidade progresaran. O que non querería ter ao meu lado é un partido pasivo, que non fale e que non faga nada. Non sei o que lle ve de malo -apuntou Puentes- e de onde deduce que iso significa non querer entrar no Goberno. A nós gústanos gobernar e creo que o fixemos moi ben nos últimos catro anos e que o Goberno funcionou moitísimo mellor de que cando o BNG gobernaba Pontevedra en minoría».

En opinión de Iván Puentes, «durante a campaña electoral pasou o que calquera mente demócrata entende que ten que pasar, que é que cada partido político fai o seu programa, explícalle á cidadanía que quere facer e que propostas ten para mellorar a vida da súa cidade durante os vindeiros catro anos, iso confróntase coas urnas e os cidadáns votan e deciden». Ao seu xeito de entender, «non só é que as propostas que plantexou o Partido Socialista non foran descabelladas, é que as súas propostas significaron que este partido subira en votos e en concelleiros, mentres que o BNG baixou en ámbalas dúas cousas».

O PSOE votou a favor das tres medidas fundamentais que se aprobaron nestes primeiros meses de mandato

Tamén en relación aos dous últimos meses de mandato municipal, o portavoz do PSOE asegurou «non entender as queixas que poden ter o BNG e o alcalde, en primeiro lugar porque soubemos poñer por enriba das siglas, do noso interese partidario e da política cortopracista, a gobernabilidade da cidade, a seriedade e a responsabilidade que entendemos que significan ter cinco concelleiros nesta situación que ten a Corporación municipal».

«As tres medidas fundamentais que se aprobaron neste mandato -lembrou- contaron co voto favorable do Partido Socialista: a elección de Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde, que non o sería nin tan sequera cunha abstención dos socialistas e polo que votamos a favor a cambio de nada, sen ter acordado nada nin un pacto de Goberno asinado, simplemente por responsabilidade, lealdade e xenerosidade de cara a ese futuro Goberno de coalición; ante a negativa do BNG de aprobar o orzamento municipal antes das eleccións, e a imposición de vivir cun orzamento prorrogado, coa asfixia económica que conleva, levamos a Pleno un acordo para aprobar, co voto a favor do PSOE, unha modificación de crédito de 7,5 millóns de euros que van permitir realizar tódolos investimentos que a cidade precisa de aquí a final de ano; e esta mesma mañá foi a aprobación na Comisión de Facenda a Conta Xeral do Concello de 2022, tamén aprobada grazas aos votos a favor do PSOE… Pero aquí o problema parece ser que cometemos unha barbaridade levando ao Pleno unha moción para pedir que en Raíña Vitoria se aplique o modelo de cidade que levamos 24 anos aplicando no resto de Pontevedra ou que defendamos a ubicación da feira na Alameda».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario