A exposición «Os camiños de Elías Valiña» peregrinan ata Sarria para poñer en valor o traballo do cura do Cebreiro

por Redacción Galicia

A oficina de turismo de Sarria acolleu esta mañá a presentación da exposición multimedia “Os camiños de Elías Valiña” na que participou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que destacou o feito de que esta mostra itinerante promovida por Turismo de Galicia e a S.A Xacobeo recale no concello natal do sacerdote do Cebreiro.

Acompañado pola organización, comisariado e familia de Elías Valiña, a inauguración da mostra completouse cunha visita guiada e a presentación dun cartafol de postais con imaxes inéditas do crego do Cebreiro e gran estudoso e revalorizador do Camiño de Santiago.

Todos os participantes coincidiron en destacar o papel fundamental que tivo Elías Valiña cara aos peregrinos, sinalando a ruta xacobea coas frechas amarelas, así como na restauración da igrexa do Cebreiro, na mellora da aldea e da vida dos seus veciños.

30ª Aniversario do Camiño Francés

“Os camiños de Elías Valiña” é unha proposta expositiva impulsada no marco da celebración do 30 aniversario da declaración, por parte da UNESCO, do Camiño de Santiago como Patrimonio Mundial, e que tamén forma parte da programación galega da presidencia española da UE.

Inaugurada o pasado mes de xullo no Cebreiro, a mostra ten un carácter reivindicativo da figura de Elías Valiña ao tempo que un ton didáctico, innovador e valorizador do traballo de Elías Valiña, empregando fotografías orixinais do cura do Cebreiro xunto con outras que amosan a actualidade do Camiño, recuperado e posto ao servizo da peregrinación, ademais de textos e códigos QR que remiten a diversos audios e pezas audiovisuais así como un documental arredor da súa figura.

Despois de Sarria a mostra continuará o seu periplo ata Arzúa para rematar en decembro deste ano en Santiago de Compostela, no Museo das Peregrinacións

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario