Os profesionais de Turismo da Costa da Morte, reúnense co Director de Turismo de Galicia

por Redacción Galicia

A Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM) mantivo o pasado fin e semana, no Parador en Muxía, unha reunión de traballo co director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.

En representación do empresariado da Costa da Morte, asistiron o seu presidente, Pepe Formoso (Bela Fisterra, Bela Muxía e Portocubela), o vicepresidente, Julio Castro (director do Parador) e os vogais Rosa Mª Sánchez (Casa de Trillo) e José Ramón Fernández (Balneario de Carballo).

Tras a xuntanza coa directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde Acuña, APTCM continúa presentando ao colectivo empresarial en diferentes instancias do goberno galego.

Un dos temas que abordou a comitiva na reunión co director xeral de Turismo, relacionado co apoio brindado polo ese ente no pasado ano, foi o libro-guía de Costa da Morte, de Xan Fernández Carrera. O responsable autonómico comprometeuse a apoiar a súa tradución ao inglés e a crear unha versión dixital que universalice o acceso aos seus amplos contidos.

Na cita con Xosé Manuel Merelles falouse tamén da traxectoria da asociación e do apoio que está recibindo por parte do empresariado da Costa da Morte. Houbo tempo de explicar o reto de retomar o aprendido no proxecto Meses con R -apoiado conxuntamente por Turismo, Agader e Pesca no pasado exercicio- a través de dúas iniciativas subvencionadas polos GALP Costa da Morte e Desenvolvemento Sostible. Os produtos pesqueiros, na súa mellor época de consumo, serán o piar dun conxunto de actividades encamiñadas a presentar propostas experenciais que involucran a diferentes sectores nun marco de desenvolvemento sostible e de economía azul.

Meses con R, aposta segura.

Sabemos que a gastronomía é o principal atractivo da Costa da Morte xunto coa natureza. E iso ten que ser o noso elemento tractor.

Dado que o territorio dos GALP non coincide co xeodestino, a directiva trasladou que é necesario implementar as iniciativas anteriores cun proxecto que cubra os concellos interiores. Nesta liña, o director xeral de Turismo coincidiu en valorar a homoxeneidade de accións en todo o territorio definido como Costa da Morte.

Explorouse tamén na reunión a posibilidade de levar ás principais cidades este proxecto, con promocións, showcookings e publicidade. Máis sabendo que o ámbito de actuación dos Galps e só na Costa da Morte.

É moi importante trasladarlle aos visitantes e turistas que veñen no verán que o noso producto local sempre está bo, pero na súa tempada está excepcional.

Tamén se concluiu que a posta en valor dos nosos productos no seu respectivo momento é o que os demais chaman desestacionalización. Algo no que nós xa non temos que crear nada, só que veñan no momento oportuno.

Outro dos temas que se puxo enriba da mesa foi o de escapar do termo Sustentabilidade, tan repetido e imprescindible en calquera relato, non só no turístico.

Nós xa éramos sustentables antes de que este vocablo se popularizase, engaden desde APTCM.

Participación dos socios

Desde APTCM iniciouse un proceso de consulta aos socios co fin de que presenten as súas inquedanzas e propostas, para enriquecer as liñas de traballo e trasladar o que sexa necesario aos representantes institucionais.

A información recollida pola directiva de APTCM serviu para estudar canles de colaboración e sinerxías co ente responsable de Turismo.

APTCM ten planificados outros procesos de consultas ao diverso colectivo de asociados, que abrangue varias actividades económicas. Ademais, contémplase a celebración de mesas de traballo, unha vez finalice a tempada de verán.

Este traballo de comunicación interna e externa da asociación vaise ver fornecida coa próxima apertura dunha web institucional e coa presenza profesionalizada en redes sociais.

O presidente de APTCM, Pepe Formoso, valora moi positivamente a proximidade e o compromiso que amosa o director xeral de Turismo, Xosé Manuel Merelles, coa Costa da Morte. Declara que “desde o colectivo empresarial está aportando o impulso e as ganas de tirar do carro, xunto cos outros entes públicos e privados implicados na atención aos viaxeiros, e agradecemos a confianza que estamos recibindo da dirección xeral de Turismo”.

Proximamente, terán lugar novas reunións de traballo con outras entidades, como por exemplo, a programada para o vindeiro 15 de xullo coa Directora de AGADER, Paz Rodríguez, en Santiago de Compostela.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario