Feminino plural. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu
A Selección Española Feminina desputará a final do Mundial de fútbol este vindeiro domingo ante Inglaterra en Sidney, no medio dunha expectación nunca antes vista que incluso acaparaba as portadas de todo tipo de medios, incluindo eses chamados «serios» que habitualmente só falan de fútbol no que atañe a Real Madrid ou Barcelona, por suposto cando se trata dos equipos masculinos.

Cos partidos mundialistas televisados, a visibilidade e o protagonismo das xogadoras eclipsaron calquera outro evento, algo reservado xeralmente a elite das competicións de homes, e que tamén bota por terra ese argumento de que elas non xeran interese. Non o xeran se non as vemos, porque agora que triunfan sabemos todo de todas: nomes, equipos, traxectorias….É o poder mediático. Alén diso, esa exposición pública á que calquera ten acceso, serve tamén coma incentivo para as novas xeracións, para todas esas nenas e mozas que elixen o fútbol desde cativas e axudan a medrar ás competicións femininas, algo que resulta evidente cada tempada, e mesmo nesta que esta por comezar, a Federación Galega (Futgal) vén de aumentar unha categoría (Terceira Galicia) para dar cabida a todos os equipos formados na Costa da Morte. Un deles será o da Escola Juan Cabrejo – Concello de Camariñas, que ultima a súa posta a punto antes de enfrontarse aos primeiros amigables. Equipos que principian coa ilusión de aprender e consolidarse, en moitos casos sen ter xogado nunca, pero atraídas por un deporte que ata non hai tanto só era, como o coñac aquel, cousa de homes. Agora, os tempos mudan, avanzan e o fútbol feminino xa non é unha singularidade, senón algo plural que vai a máis.
Foto: Escola Juan Cabrejo – Concello de Camariñas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario