O acto lembrou o vinte aniversario da instalación do monolito en memoria das vítimas do fascismo nesa parroquia de Castroverde
Onte celebrouse en San Cibrao, en Montecubeiro, unha homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O acto celebrouse a carón do monolito na memoria das persoas asasinadas polo fascismo nesa parroquia de Castroverde, coincidindo co vinte aniversario da instalación do monumento e contou coas intervencións do historiador e escritor Xosé Manuel Sarille, autor do libro “Polos fillos dos fillos” (Candeia Editora, 2003) sobre a matanza de Montecubeiro, e familiar de vítimas do franquismo e de Ricardo Gómez Polín, cronista de Castroverde
O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Memoria Histórica Efrén Castro encadrou a homenaxe dentro dos actos que se celebran no país ao redor do Día da Galiza Mártir -17 de agosto, data na que foi asasinado Alexandre Bóveda-, reclamando unha vez máis a institucionalización desta data. Fixo fincapé na necesidade de “situar aos verdugos no lugar histórico que lles corresponde, lonxe do relato da equidistancia que trata de impoñer a ultradereita na actualidade”.
“Ante unha historia contada durante moitos anos polos vencedores temos a obriga de retirar todas as honras que se lle outorgaron aos asasinos e mostralos ao mundo como o que foron: defensores dunha ditadura fascista que ensanguentou a nosas cunetas e asasinou as persoas que quixeron acender un facho na noite escura”, dixo Efrén Castro, quen defendeu que “son as persoas que hoxe homenaxeamos as que deben estar presente nos nosos rueiros e as que deben ter estatuas e as honras máis elevadas das administración pública, porque grazas a que todas esas persoas deron a súa vida por defender a democracia e a liberdade”
A deputada de Cultura Iria Castro puxo en valor a loita pola memoria das persoas que impulsaron a instalación do monolito de Montecubeiro en 2003, nomeadamente da familia Sarille, e das persoas e colectivos que nestes anos contribuíron a “termos presente a memoria das persoas asasinadas, para crear conciencia e facer xustiza”, lembrando o acto organizado en 2013 pola Iniciativa Galega pola Memoria ou en 2017, coincidindo cos 80 anos dos asasinatos en Montecubeiro, por A Chave das Noces.