O Concello de Vilalba informa do cumprimento dos servizos mínimos na primeira xornada de folga dos traballadores da empresa de recollida de lixo Urbaser
Segundo os datos facilitados por dita empresa, este luns cumpríronse os servizos mínimos da recollida de lixo e limpeza viaria. Ditos servizos mínimos cobren un 38% do servizo ordinario.
“Dende o Concello de Vilalba estivemos en contacto con ambas partes, polo que confiamos en que se alcance un acordo entre a empresa e os traballadores o antes posible para retomar a normalidade no servizo”, sinala Eduardo Vidal, concelleiro de Servizos.
Neste sentido, o Concello estableceu por decreto de Alcaldía estes servizos mínimos, cumprindo coa lexislación laboral, dada a importancia da recollida de lixo na salubridade do espazo público. Dende o Goberno local espérase que os servizos mínimos garantidos minimicen as consecuencias desta situación na cidadanía.