Avia Veira ve claro que “a reforma da Ponte Pasaxe non vai acabar cos atascos”

por Redacción A Coruña

O proxecto de ampliación da Ponte Pasaxe -cuxa primeira fase vén de ser aprobada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana- non vai acabar cos atascos na vía que une A Coruña e Oleiros, salienta a concelleira do BNG Avia Veira

Nas súas prospeccións co horizonte posto en 2054, o propio Goberno central recoñece que, a pesar de ampliar a ponte, as colas de vehículos irán en aumento durante os próximos anos, enfatiza a edil nacionalista.

“É un investimento de 31 millóns de euros que non vai resolver os problemas de mobilidade que en teoría se pretenden abordar. O aumento do espazo para o tránsito de vehículos privados na Pasaxe non é a solución”, remarca Veira.

Que lle falta a este proxecto? Pois que se lle dea prioridade ao transporte público e, nese sentido, o BNG critica a ausencia dun carril VAO (Vías de Alta Ocupación) para os buses, única forma de desconxestionar o tránsito.

“Desde o BNG continuamos a esixir que o deseño da mobilidade da Coruña do presente e do futuro se faga en clave metropolitana e, nesa dirección, é preciso reivindicarmos con forza a implantación dun tren de proximidade con frecuencias e horarios axeitados, así como tamén o transporte marítimo”, conclúe.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario