A Xunta abre expediente sancionador por prohibir o acceso ao Centrad dos axentes medioambientais

por Redacción Lugo

A denuncia presentouse por infracción grave do traballador da Deputación de Lugo á Lei 5/2019 de Patrimonio Natural e Biodiversidade de Galicia, por “desobediencia ás ordes ou requirimentos do persoal inspector”

A Xunta de Galicia abriu expediente sancionador a un traballador da Deputación de Lugo por prohibir o acceso aos axentes medioambientais da Xunta ás obras que se están a desenvolver no entorno do Fogar de Santa María, no aparcamento do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), e poder así comprobar antes da tala das árbores se existía algún niño ou ovos, co fin de protexer os espazos naturais, a flora e a fauna silvestre, como parte das súas funcións. Dita prohibición, deu pé a unha denuncia dos axentes e á posterior apertura do procedemento sancionador por unha infracción grave da Lei 5/2019 de patrimonio natural e biodiversidade de Galicia.

Os servizos xurídicos da Delegación Territorial da Xunta en Lugo entenden que impedir o paso aos axentes, que en materia medioambiental son a autoridade competente, é unha infracción grave do artigo 122, que segundo a citada lei, establece “a desobediencia ás ordes ou requirimentos do persoal inspector dependente da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural no exercicio das súas funcións de protección dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres regulados pola presente lei, así como a obstaculización de dito exercicio”.

O expediente sancionador prodúcese trala denuncia dos axentes territoriais do distrito IX, que segundo consta no seu informe atopáronse o pasado sábado día 19 de agosto coa negativa ao seu requirimento para entrar a inspeccionar as obras no Centrad, e en concreto comprobar a posible nidificación nas árbores. Tal e como explican na denuncia, atopáronse co vixiante das instalacións que chamou ao responsable de seguridade na Deputación, o cal lle negou telefonicamente aos axentes a entrada recinto para ditas comprobacións.

Desde a Delegación territorial sinalan que se trata duns feitos moi graves por non acatar as ordes das autoridades competentes; uns feitos que, ademais, se volveron repetir o pasado luns, día 21, cando de novo os axentes non puideron acceder á zona na que se levaron a cabo as talas, co mesmo argumento do traballador da Deputación, que chegou a dicir aos axentes medioambientais que non tiñan nada que facer alí. Finalmente, acudiron á comisaría da Policía Nacional para, acompañados por un inspector de dito corpo, poder acceder ao recinto, aínda que xa non puideron verificar a existencia de arbores con posible nidificación, xa que non había resto algún da tala realizada o pasado sábado.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario