Entre o xoves 24 e o sábado 26, no peirao de Transatlánticos actuarán agrupacións como Xacarandaina, Donaire, a Cuarentuna da Coruña, a Asociación Coros e Danzas Eidos, Os Gaiteiriños e o Orfeón Herculino
Este xoves 24 comezará a estadía na Coruña dos doce grandes veleiros que toman parte na Tall Ships Races Magallanes-Elcano, unha regata de categoría mundial que volve á cidade sete anos despois e que, ata este domingo 27, situará A Coruña no epicentro da actividade náutica internacional. Desta forma, o Goberno de Inés Rey dá continuidade á súa estratexia para afianzar á cidade como referente na acollida de grandes eventos.
Hoxe ao mediodía arribou ao Porto a primeira das embarcacións participantes, o veleiro italiano ‘Stella Polare‘, que foi abrindo camiño ao resto de buques que saíron a pasada fin de semana desde Falmouth (Reino Unido) en dirección á Coruña. Tamén este mércores, o veleiro ‘Nautilus‘, pertencente á Armada e con base en Ferrol, chegou a primeira hora da mañá. Neste sentido, coa volta da regata ás costas herculinas, esta será a décima vez na que A Coruña exerce como anfitriona da proba, sendo así a cidade máis visitada pola Tall Ships na súa historia.
A este respecto, está previsto que as instalacións portuarias no peirao de Transatlánticos estean abertas entre os días 24 e 27 das 11.00 ás 00.00 horas, en horario continuo, para facilitar as visitas da cidadanía aos grandes veleiros que estarán fondeados na contorna do Náutico e o propio peirao. No plan de organización e apoio da regata, así como no dispositivo de seguridade previsto de cara a estes días, colaboran de forma conxunta o Concello, a Autoridade Portuaria e a Asociación Juan de Lángara.
Entre os días 24 e 26, actividades culturais para todos os públicos
Ao abeiro da estadía da Tall Ships Races na cidade, o Concello programou un amplo abano de actividades culturais, gastronómicas e de ocio, ideadas para todos os públicos e con asistencia de balde.
Desta forma, entre os días 24 e 26, no peirao de Transatlánticos e tamén a bordo de diversos veleiros, terán lugar actuacións musicais como as da Asociación Cultural e Musical Diapasón ‘O Birloque’, Xacarandaina, a Asociación Cultural Donaire, A Trova Coruñesa, a Cuarentuna da Coruña, a Asociación Coros e Danzas Eidos, a Agrupación Folclórica Os Gaiteiriños e o Orfeón Herculino. Ademais, disporanse inchables e haberá espectáculos de maxia e contacontos para a xentiña máis pequena, coa presenza do Mago Rafa, o Mago Román, Caxoto e Charo Pita.
O desfile das tripulacións, este venres 25 nos Cantóns
Este venres 25, desde as 17.00 horas e coa praza de Mina como punto de partida, realizarase o tradicional desfile de tripulacións da Tall Ships Races. O evento, aberto á cidadanía e ideado para todos os públicos, inclúe un espectáculo conxunto dos Kilomberos, Troula e as Medusas de Pablo Méndez.
O percorrido concluirá na praza de María Pita, coa entrega de trofeos da Sail Training International (STI). Comezará ás 18.00 horas.
Sesións gastronómicas, espectáculos de showcooking e concertos no ‘Coruñam’
En paralelo ás actividades dispostas de cara á Tall Ships Races, e como programación complementaria á esta, entre os días 24 e 27 tamén está prevista a realización do festival de food-trucks Coruñam, que terá lugar na contorna do Parrote.
Ademais de sesións de cociña abertas ao público, haberá espectáculos de ‘showcooking’ con chefs como David Mariño, de El Rincón del Reino, e Adrián Felipe, de Miga, entre outros. En paralelo, poderase gozar de concertos tanto ao mediodía como á noite, co grupo The Cruze e a banda de José Brea como protagonistas.
As actividades terán lugar das 12.00 ás 00.00 horas, desde este xoves 24 e ata o domingo 27.
A parada naval, que despide a Tall Ships Races, será o domingo ao mediodía
Este domingo 27, último día da Tall Ships Races Magallanes-Elcano na Coruña, terá lugar a xa clásica despedida dos barcos na súa partida, rumbo a Lisboa. Os veleiros, que sairán ás 12.00 horas desde o peirao de Transatlánticos e os pantaláns do Náutico, diranlle adeus á cidade pola súa enseada interior, un espectáculo que se poderá divisar desde a contorna do castelo de San Antón e o Dique de Abrigo.
Xa ás 13.00 horas, e como paso previo e definitivo antes de saír a mar aberto, as 12 embarcacións que participan na vindeira etapa da regata levarán a cabo a parada de vela fronte ao Buque Institucional de Autoridades.
Inauguración da exposición ‘Porto da Coruña: unha historia visual’
Tamén esta mañá, o concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, tomou parte no acto de apertura da mostra ‘Porto da Coruña: unha historia visual‘, unha mostra organizada polo Porto coincidindo coa chegada da Tall Ships Races á cidade.
A exposición, comisariada polo xornalista Rubén Ventureira e que recolle os principais fitos históricos asociados á historia do Porto da Coruña, consta de 20 paneis que inclúen textos, fotografías, planos e obras pictóricas que recollen episodios como a chegada dos peregrinos no Medievo, a partida da expedición Humboldt e a tamén a saída da expedición Balmis-Zendal rumbo ao continente americano.
Lage subliñou o valor desta proposta, que é «unha iniciativa necesaria e fundamental para que a cidadanía da Coruña sinta aínda un aprecio e orgullo máis profundo polo noso patrimonio, e tamén para que os turistas que hoxe pasean polas nosas rúas coñezan máis polo miúdo a nosa historia, porque o porto forma parte do ADN da nosa cidade».
O voceiro do Goberno municipal puxo en perspectiva, ademais, e evolución recente das instalacións portuarias: «Estamos asistindo ao crecemento de Punta Langosteira, unha infraestrutura que será clave para o futuro da cidade, tanto no aspecto económico como polo potencial de transformación urbana que ofrece», dixo.