IRIBARNE, a nova obra de ButacaZero sobre Manuel Fraga, estréase no Centro Dramático Nacional este xoves

por Redacción Galicia

Con texto de Esther Carrodeguas e dirección de Xavier Castiñeira, IRIBARNE radiografa en clave de humor a figura de Fraga e o seu papel na recente historia de España a partir dunha intensiva investigación que percorre dende o franquismo ata a democracia

ButacaZero estrea a súa nova proposta escénica, IRIBARNE, este xoves, 12 de outubro, noTeatro Valle-Inclán de Madrid. A peza, unha revisión da figura de Fraga en clave de humor, é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e estará en cartel na Sala Francisco Nieva ata o 12 de novembro.

IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous fundadores da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores propostas escénicas, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como «un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia». Segundo ela, é «o traballo máis difícil que escribín ata agora» e engade que «foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar». Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, «este personaxe é inabarcable» e «entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo», e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.

Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da transición, que medrou rodeada dun «silencio tácito arredor da historia política recente», e embarcarse neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. «Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia», apunta Carrodeguas.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está formulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo, a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. «Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España», sinala a dramaturga, que, preguntada polo seu balance logo de investigar a figura do político, o cualifica como «un gran creador de contidos, que era quen de xerar o discurso que a el lle conviña en cada momento».

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar a Fraga. Trátase dunha «peza extremadamente divertida, moi tola, moi teatral de ver», afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. «Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país», afirma Castiñeira. «Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, mirando dende aquí e agora, sen acritude, o pasado», conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que asina o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, que creou unha banda sonora orixinal da obra que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE? e que será editada por Subterfuge Records.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario