A Deputación da Coruña alíase co RC Deportivo para promocionar a provincia como destino turístico en toda España

por Redacción Deportes

A campaña «A Coruña, unha provincia por descubrir» luce desde hoxe nas equipacións dos equipos masculino e feminino do RC Deportivo

O presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso, e o presidente do RC Deportivo, Álvaro García Diéguez, presentaron a nova colaboración institucional nun acto conxunto coa alcaldesa da cidade, Inés Rey, e en presenza dun «once» blanquiazul formado por seis xogadoras e cinco xogadores deportivistas, para destacar o apoio en igualdade da Deputación tanto ao equipo masculino como ao feminino, o Deportivo ABANCA.

A campaña «A Coruña: unha provincia por descubrir» luce desde hoxe nas equipacións do equipo masculino e feminino do RC Deportivo, unha presenza que se estenderá tamén a diferentes accións de promoción, dentro do estadio e nas instalacións e eventos do Club deportivista.

Formoso destacou que se trata «dun paso máis no apoio da Deputación ao RC Deportivo», que xunto co Rácing de Ferrol «son dous clubs de referencia do fútbol desta provincia» e «unha inspiración para miles de rapaces e rapazas que desde os clubs e categorías de base aspiran a chegar un día estes equipos».

Esta nova alianza estreita os lazos entre o RC Deportivo e as institucións coruñesas, unhas relacións que se reforzan de cara á nova temporada, tal e como apuntou o presidente, Álvaro García Diéguez, no seu discurso de toma de posesión. Ademais, o club aportará a súa pegada no territorio e o seu impacto social no terreo deportivo para promocionar a provincia coruñesa dentro e fóra de Galicia.

Este acordo supón un investimento de 241 mil eurros que redunda en beneficio do club, da cidade e da provincia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario