Formoso declarou que “con esta actuación imos a mellorar un núcleo moi importante para o Concello de Miño”
A Deputación da Coruña vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade vial na estrada DP – 4802 do Concello de Miño, no tramo que vai desde o Apeadoiro ata Andel, na parroquia de San Xoán de Vilanova, por valor de 717.116 euros.
Para a execución desta actuación realizarase a demolición das beirarrúas e dos bordos existentes, executando unhas novas beirarrúas, sen bordo e ao mesmo nivel que o vial principal. Colocarase un sumidoiro de formigón prefabricado entre a zona peonil e a estrada, adaptándoas á tipoloxía empregada de xeito habitual pola Deputación, conseguindo unha maior integración co medio e mellorando a accesibilidade dos itinerarios destinados ao tránsito peonil.
A senda peonil que se vai implementar realizarase en formigón en masa de cores, cun ancho de entre 1,50 e 2 metros, dotando a toda a plataforma dunha nova capa de rodadura mediante un firme de 5, previo rego de adherencia.
En canto á drenaxe, o proxecto contempla a execución dunha rede de recollida de pluviais nas zonas necesarias. As augas superficiais recolleranse a través de desaugues que conectarán coa rede de pluviais a través de tuberías de PVC.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, declarou que “con esta actuación imos a mellorar un núcleo moi importante para o Concello de Miño, incrementando a súa seguridade e renovando unha infraestrutura de carácter básico que facilitará o día a día para a veciñanza de Miño”.
O alcalde do Concello de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, síntese satisfeito “de que se leve a cabo este investimento despois dos contactos co presidente da Deputación da Coruña, ao que quero agradecer a súa total predisposición tanto co noso equipo de goberno como cos veciños as veciñas”.
O rexedor quixo engadir que se trata “dunha demanda histórica, que vai transformar a parroquia de San Xoán de Vilanova, e que ademais era un compromiso adquirido no noso programa electoral que deste xeito veremos executado”.