Ameijide: “Tomé expón á Deputación de Lugo a posibles sancións por infraccións moi graves da ordenanza municipal de parques e xardíns”

por Redacción Lugo

O popular advirte: “Lara Méndez debe aclarar se existe licenza municipal porque, de non existir, está obrigada a incoar expediente sancionador expoñendo á Deputación presidida polo seu compañeiro de partido a sancións de entre 1.501 e 3.000 euros”

O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, advirte, en relación á tala de árbores polas obras no Fogar de Santa María”, de que “o presidente da Deputación, José Tomé, expón á institución provincial a un posible expediente sancionador por incorrer en dúas ou, incluso, tres infraccións de carácter moi grave da Ordenanza de Parques e Xardíns do Concello de Lugo”.

Para o popular “é evidente que se podería estar incumprido a norma, non só por estar prohibida a tala de árbores sen autorización expresa (artigo 32); senón tamén por non ter solicitado licenza, cando a creación ou reforma de zonas verdes está suxeita a licenza municipal (artigo 33)”. Ambas están consideradas infraccións moi graves igual que o feito de non repoñer as árbores e/ou arbustos afectados polas obras.

Á vista de que o goberno provincial do PSOE e BNG non confirmou a existencia de preceptiva licenza municipal, os populares esixen coñecer o expediente que xa solicitaron formalmente na Deputación. De non existir, a alcaldesa, Lara Méndez, ten a obriga de incoar un expediente sancionador á institución provincial que preside o seu compañeiro de partido expoñéndoa a sancións de entre 1.501 e 3.000 euros”, segundo explica Ameijide.

O portavoz do PP provincial e concelleiro de Medio Ambiente do Grupo Municipal Popular sinala tamén que, “é necesario un proxecto específico sobre o arboredo; así coma a aprobación municipal tralo informe dos técnicos (artigo 4)”. Ademais, a propia ordenanza esixe que “nos aparcamentos de superficie que se constrúan haxa presenza de árbores (artigo 24)”.

A norma tamén expón que se deberá procurar o máximo respecto ás árbores e plantas (artigo 7). “Mentres que a normativa pretende salvagardar e potenciar as zonas verdes e arboredo na cidade, non é unha filosofía que respecten nin comparten os actuais membros do equipo de goberno a pesar de compartir partido cos impulsores da aprobación desta ordenanza municipal”.

“Os lucenses pagamos as consecuencias”

Ameijide recorda que “o día 1 de agosto non se nos permitiu acceder aos deputados do Grupo Provincial Popular ao Fogar de Santa María”. E tampouco se lles permitiu a entrada nin o pasado sábado nin este luns aos axentes ambientais con rango de autoridade, motivo polo que a Xunta abriu un expediente sancionador  a un traballador da Deputación de Lugo “por acatar ordes do presidente provincial e impedir o acceso das autoridade ao recinto”.

“O presidente, José Tomé, pódese crer por riba do ben e do mal; pero as consecuencias das súas ordes directas -non sabemos se por escrito ou por teléfono- poden ser miles de euros que teremos que pagar tanto os veciños da provincia coma un dos traballadores da institución provincial”, condena o portavoz popular.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario