O concello de Cangas acolleu a presentación da Fase Final da Copa e Supercopa Galicia de Balonmán que se celebrará os vindeiros 26 e 27 de agosto no Pavillón do Gatañal. A Festa do Balonmán galego acollerá a participación de vinte equipos, dende categoría infantil a sénior
No acto de presentación estiveron presentes: a alcaldesa do concello de Cangas, Araceli Gestido; o Presidente da Mancomunidade de Concellos do Morrazo e alcalde do concello de Bueu, Félix Juncal; a alcaldesa do Concello de Moaña, Leticia Santos; o Xefe de Deportes da Xunta de Galicia na Provincia de Pontevedra, Daniel Benavides; e o Presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, ademais dunha representación de xogadores e staff técnico do Balonmán Cangas.
A Fase Final da Copa e Supercopa Galicia de Balonmán, encadrada dentro do convenio de actividades que manteñen a Mancomunidade de Concellos do Morrazo e a Federación Galega de Balonmán, presenta un formato diferente, coas finais de Copa Galicia durante a xornada de sábado e a mañá do domingo, pechando o domingo ás 17:00 e ás 19:00 horas cos derbis de Supercopa entre o Mecalia Atlético Guardés e o Conservas Orbe Rubensa Balonmán Porriño, e o Cisne Colegio los Sauces e o Frigoríficos do Morrazdo Balonmán Cangas.
Os encontros serán retransmitidos pola canle de youtube da Federación Galega de Balonmán, agás a Final de Copa Galicia Feminina e a Final da Supercopa Masculina que irán en directo pola TVG2, mentres que a Final de Supercopa Feminina se retransmitirá pola web da TVG.
As entradas están á venda a través da plataforma Cluber, o enlace figura nas redes sociais da Federación Galega de Balonmán, habendo posibilidade tamén de ser adquiridas no pavillón o mesmo día do evento. Os menores de dezaseis anos terán acceso gratuíto durante os dous dias.