UGT Galicia: “Cun incremento da sinistralidade mortal de máis do 38% en Galicia, urxe un Plan de choque”

por Redacción Galicia

Nos cinco primeiros meses xa van rexistrados 11.293 accidentes, con 29 falecidos

Hai que atallar xa os accidentes laborais. As estatísticas non deixan lugar a dúbidas, esta segue a ser unha das grandes lacras do mercado laboral en Galicia, nos cinco primeiros meses do ano, segundo as últimas cifras facilitadas polo Ministerio de Traballo e Economía Social, rexistráronse un total de 11.293 sinistros, con 29 persoas falecidas. Pero é que en relación ao 2022 pechado, segundo datos do ISSGA, se ben é certo que a sinistralidade total baixou, con respecto ao ano anterior, nesta Comunidade nun 2,75%, tamén é moi preocupante o forte incremento, dun 38,8% da sinistralidade mortal, ao pasar de 54 falecidos no 2021 aos 75 rexistrados no 2022. É evidente que algo está a fallar, polo que urxe extremar a vixilancia para que se cumpra a Lei.

As cifras están aí. No ano 2022 rexistráronse en Galicia, segundo os datos publicados polo ISSGA, 31.198 accidentes laborais (xornada e in itinere), o que supón unha baixada dun 2,75% en relación ao 2021, cando eran 32.072 os sinistros rexistrados.

Deste total, 30.643 foron accidentes de carácter leve, 480 graves e 75 mortais. Neste último caso dáse un perigoso incremento do 38,8% en relación ao ano anterior.

Segundo o lugar no que tivo lugar o sinistro, a maioría, 17.514 prodúcense no centro de traballo habitual; 6.429 en desprazamentos dentro da xornada; 2.989 “in itinere”; e 4.266 noutro centro ou lugar de traballo. En cando aos mortais, os máis numerosos, 41 do total, tiveron lugar en desprazamentos dentro da xornada laboral; seguidos dos 14 no propio centro habitual; pero moi de preto os 13 noutro centro de traballo; e 7 “in itinere”. Isto alerta sobre os desprazamentos e da necesidade de vixiar este tipo de sinistros.

Por sectores (excluíndo os “in itinere” que non son desagregados polo ISSGA), o servizos é o que máis sinistros rexistrou, 14.664; seguido da industria, 7.050; construción, 4.467; agricultura, 1.263; e pesca, 765. En canto aos mortais, destacan as 25 persoas falecidas na pesca e as 21 no sector servizos. Na agricultura rexistráronse 3 mortes, 11 na industria e 8 na construción. En canto aos graves, os máis numerosos foron nos servizos, 172; 114 na construción; 76 na industria; 40 na agricultura; e 34 na pesca.

Territorialmente (de novo sen os “in itinere” que o ISSGA non detalla), é a provincia da Coruña a que máis accidentes rexistrou, 12.635 (12.125 no 2021) e con 19 mortais (22 no 2021). Pontevedra rexistrou 9.417 (11.000 no 2021), con 38 mortais (16 no 2021); Lugo, 3.097 (3.085 no 2021), con 6 falecidos (5 no 2021); e Ourense, 3.060 (2.936 no 2021), con 5 persoas mortas durante a súa xornada laboral (6 no 2021).

Infartos e outras patoloxías non traumáticas xunto a afogamentos e sepultamentos son as causas que ocasionan máis accidentes mortais. Urxen medidas que reduzan os riscos psicosociais

Dentro dos accidentes laborais mortais en xornada, 68 (excluíndo os “in itinere” porque o ISSGA tampouco fai esta desagregación), 20 producíronse por infartos e outras patoloxías non traumáticas. Neste senso, UGT-Galicia demanda políticas que atendan á redución da incidencia dos riscos psicosociais entre a poboación traballadora, xa que tanto os infartos como os derrames cerebrais son patoloxías asociadas a este tipo de riscos laborais. Tamén hai que destacar que 22 mortes producíronse por afogamentos ou sepultamentos.

7 foron as persoas falecidas por caídas ou golpes con esmagamentos contra obxectos inmóbiles. 7 mortes foron ben por amputacións ou atrapamentos. 8 por choques ou golpes contra obxectos en movemento. Catro por contacto con corrente eléctrica, lume ou substancias perigosas. E unha morte por sobreesforzo.

En termos xerais, o número máis elevado de accidentes, 8.499, rexístrase no grupos de sobreesforzos, trauma psíquico e exposición a radiacións, aínda que neste caso non hai ningún falecido; seguido do grupo de caídas e golpes con esmagamentos contra obxectos inmóbiles, con 8.086 sinistros.

Segundo a natureza da lesión, 14.979 accidentes, os máis numerosos, foron torceduras, escordaduras e distensións. Seguidos das 8.742 lesións superficiais e feridas abertas. En canto aos mortais, 22 falecidos con afogamentos e asfixias, 20 con infartos, derrames e 15 por lesións múltiples.

Unha análise por idades, indica, segundo os datos do ISSGA, que, do total, 16.254 accidentes afectan a traballadores ou traballadoras de entre 35 e os 54 anos, máis da metade do total. En canto aos mortais, 21 falecidos tiñan entre 45 e 54 anos e 17 entre 55 e 65 anos. Tamén as franxas máis afectadas.

En canto ó índice de incidencia, accidentes por cada 100.000 traballadores, en Galicia este situouse, segundo o ISSGA, en 2.753,23. E no relativo aos accidentes mortais, foi no 2022 do 6,64 (do 4,88 no 2021), destacando o elevadísimo 143,88 da pesca. Para facer a comparativa co resto das comunidades autónomas, hai que recoller os datos do Ministerio de Traballo que difiren levemente cos da Xunta, xa dan un índice para os mortais do 6,69. Esta é unha cifra moi elevada, superando, e moito, a media estatal, do 3,67, e situándose á cabeza do resto de autonomías, só superada polo 8,11 de Murcia e igualada ao 6,95 de La Rioja.

Tampouco se poden esquecer os accidentes de traballo rexistrados, segundo o ISSGA, nos que non foi necesaria a baixa, 29.137 no 2022.

En canto ás actividades económicas, no 2022 nesta Comunidade, as actividades de construción especializada é a que máis sinistros rexistrou, 2.663. Seguida esta do comercio ao retallo, 1.594; industria de alimentación, con 1.572; 1.549 en servizos de comidas e bebidas; 1.494 na construción de edificios; 1.353 en actividades relacionadas co emprego; 1.304 na fabricación de produtos metálicos, salvo maquinaria e equipamento; 1.196 no comercio por xunto e intermediarios de comercio; 1.133 na Administración pública e defensa e Seguridade Social obrigatoria; 1.073 en actividades sanitarias; e 1.009 no transporte terrestre e por tubaxe. Estas son as actividades nas que o sinistros foron máis numerosos.

En canto aos sinistros mortais, destacan os 25 falecidos no sector de pesca e acuicultura; os 6 en actividades de construción especializada e outros 6 en transporte terrestre e por tubaxe; ou os 4 do comercio por xunto.

UGT denuncia a infradeclaración das enfermidades profesionais, sobre todo, nos cancros de orixe laboral, sen ningunha comunicación. Tan só 730 casos rexistrados en Galicia con baixa e 534 sen baixa

Mención aparte merecen as enfermidades profesionais, con tan só 730 casos rexistrados en Galicia no 2022 con baixa e 534 sen baixa, o que evidencia a súa infradeclaración. Deste total, 575 corresponden ó denominado grupo II (enfermidades causadas por axentes físicos). Estas son as que ocasionan baixa. E, sen baixa, 419. Séguenlle os 95 casos do grupo IV (enfermidades causadas por inhalación de substancias e axentes), ás que lle hai que sumar 43 sen baixa. 10 do grupo I (axentes químicos) e 25 sen baixa. 19 do III (axentes biolóxicos) e 18 sen baixa. 31 do V (enfermidades profesionais da pel) con 29 sen baixa. E cero co grupo VI, enfermidades profesionais causadas por axentes carcinóxenos.

Para UGT, o procedemento de notificación e o rexistro son inoperantes, privando ás persoas traballadoras do recoñecemento da orixe laboral da súa enfermidade e do acceso ás prestacións ás que ten dereito. Ademais de ter un impacto directo na prevención porque o que non se rexistra non existe e, polo tanto, non se adoptan medidas preventivas. E, se nalgún tipo de patoloxías é especialmente escandalosa a súa infradeclaración é no caso dos cancros de orixe laboral. No 2022 non se comunicou nin un só caso dentro do grupo VI (enfermidade profesional causada por axentes carcinóxenos).

Galicia, nos cinco primeiros meses do ano, entre as comunidades que máis sinistros mortais rexistra

Nos cinco primeiros meses de 2023, segundo os datos do Ministerio de Traballo, Galicia rexistrou un total de 11.293 sinistros (incluídos os “in itinere”). Destes, 11.103 foron leves; 161 graves; e 29 resultaron mortais. Así, Galicia foi a cuarta Comunidade con máis falecidos, por enriba estarían Andalucía, Cataluña e Valencia, todas elas con moita máis poboación asalariada. De feito, Galicia rexistra un índice de incidencia de sinistros laborais mortais moi elevado, de 0,529 puntos, moi por enriba dos 0,248 da media estatal.

Por provincias, A Coruña rexistrou 5.120 sinistros; Pontevedra, 3.531; 1.331 Lugo; e 1.311 Ourense.

Nos cinco primeiros meses do ano a industria manufactureira foi a que máis accidentes rexistrou, 2.498; seguida da construción, con 1.616; e comercio e reparación de vehículos, con 1.220. Todas estas actividades por enriba dos 1.000 sinistros laborais rexistrados.

O Ministerio tamén desglosa os índices de incidencia por sectores de actividade, o que nos dá unha idea máis próxima da sinistralidade ao relacionala co número total de asalariados nesta actividade. Segundo isto, nos cinco primeiros meses do ano, en Galicia a construción é o sector que rexistra un maior índice de incidencia, de 404,4; seguido da industria, 378,3; agrario, 288,8; e servizos, 137,5.

Propostas UGT

Estas cifras tan elevadas de sinistralidade, que se manteñen ano tras ano, revelan que as políticas preventivas non dan o resultado esperado e que se incumpre a normativa de prevención de riscos laborais por parte das empresas.

Urxen solucións para facer efectivo o dereito fundamental das persoas traballadoras a contornas de traballo seguras e saudables. UGT-Galicia insta a seguir reducindo a precariedade laboral e avanzar cara a traballos decentes e libres; poñer coto á masiva externalización da xestión preventiva; reforzar os recursos da Inspección de Traballo; revisar e actualizar a Lei de Prevención de Riscos Laborais (non só para adaptala á nova realidade do mundo do traballo, senón para conseguir unha maior cultura preventiva) e do Regulamento dos Servizos de Prevención (RSP), para promover a calidade na xestión dos mesmos (hai que corrixir a sobrecarga de traballo dos técnicos pertencentes a esas empresas, a falta de independencia debido ás presións e intereses…).

UGT-Galicia tamén insta aos partidos políticos a que se comprometan a que a seguridade e saúde no traballo sexa unha prioridade na súa axenda. A prevención de riscos laborais e o coidado da saúde laboral debe ser materia prioritaria nas mesas de diálogo social, tanto a nivel do Estado como en Galicia e tamén urxe un plan de choque negociado cos axentes sociais, que facilite a redución da incidencia dos riscos psicosociais e os trastornos músculo esqueléticos.

Así mesmo, debe crearse unha figura similar á do delegado/a territorial de Prevención de Riscos Laborais, a nivel estatal para mellorar a prevención de Riscos laborais nas pemes, onde non hai representación sindical. É un feito que os centros de traballo sindicalizados son centros de traballo máis seguros.

Hai que poñer en valor o Primeiro Plan de Acción da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027, aínda que os resultados do mesmo veranse a medio e longo prazo, polo que son precisas solucións urxentes e a futura actualización da listaxe de Enfermidades Profesionais, en particular os criterios de inclusión con perspectiva de xénero.

Os riscos psicosociais de orixe laboral, os peor xestionados nas empresas

Outro asunto destacado debe ser a protección da saúde mental no ámbito laboral. 20 traballadores/as faleceron en 2022 por infartos e derrames cerebrais, patoloxías que poderían estar relacionadas coa presenza de riscos psicosociais de orixe laboral.

Pero isto só é a punta do iceberg. Segundo datos do INE en España a depresión grave afecta a 230.000 persoas e o ano pasado suicidáronse 4.097 persoas, un 2,1% máis que en 2021 (unha cifra que non para de crecer). Como reflexo destes problemas de saúde mental, indicar que os hipnosedantes, entre os que se inclúen os tranquilizantes e os somníferos, son a terceira substancia máis consumida, despois do alcol e o tabaco, segundo os últimos datos da Enquisa de Idades 2019-2020 módulo laboral.

Fai falta máis investimento

UGT-Galicia tamén denuncia o escaso investimento das empresas en prevención de riscos laborais, e é que seguen vendo a prevención como un custo, non como un investimento. A Comisión Europea sinala que, por cada euro investido en saúde e seguridade no traballo, a ganancia que obtén o empregador é máis ou menos o dobre. Por tanto, investir en prevención e cumprir coa normativa, non só é unha obrigación moral e legal, tamén supón un beneficio para a propia empresa, para as persoas traballadoras e para a sociedade no seu conxunto.

Así mesmo, é preciso maior investimento das Administracións Públicas naqueles organismos implicados na prevención de riscos laborais, e máis recursos para reforzar a Inspección de Traballo e a Fiscalía de Saúde Laboral. Trátase de acabar coa impunidade de moitos accidentes de traballo. Esta Fiscalía debería poder actuar na orde social.

ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA, EN XORNADA E IN ITINERE

AVANCE XANEIRO-MAIO 2023 (MINISTERIO DE TRABALLO E ECONOMÍA SOCIAL)

                        EN XORNADA                                 IN ITINERE

 TOTALLEVESGRAVESMORTAISTOTALLEVESGRAVESMORTAIS
GALICIA10.22010.047146271.0731.056152
CORUÑA4.6674.60155114534449
LUGO1.2261.1903331051032
OURENSE1.2161.19717295941
PONTEVEDRA3.1113.059411142041541

 

ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA POR GRAVIDADE

 GALICIA 2022 (ISSGA)

 LEVESGRAVESMORTAISTOTAIS
En xornada de traballo27.7054366828.209
“In itinere”2.9384472.989
TOTAL30.6434807531.198

 

ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA POR GRAVIDADE

 A CORUÑA 2022 (ISSGA)

 LEVESGRAVESMORTAISTOTAIS
En xornada de traballo12.4541621912.635
“In itinere”1.1641931.186
TOTAL13.6181812213.821

 

ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA POR GRAVIDADE

 LUGO 2022 (ISSGA)

 LEVESGRAVESMORTAISTOTAIS
En xornada de traballo3.0335863.097
“In itinere”23443241
TOTAL3.2676293.338

 

ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA POR GRAVIDADE

 OURENSE 2022 (ISSGA)

 LEVESGRAVESMORTAISTOTAIS
En xornada de traballo3.0193653.060
“In itinere”27430277
TOTAL3.2933953.337

 

ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA POR GRAVIDADE

 PONTEVEDRA 2022 (ISSGA)

 LEVESGRAVESMORTAISTOTAIS
En xornada de traballo9.199180389.417
“In itinere”1.2661811.285
TOTAL10.4651983910.702
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario