O Comité de Folga do colectivo de Bombeiros Comarcais condena a actitude que están a ter os Cosorcios provinciais, participados de Xunta e Deputacións

por Redacción Galicia

O acontecido o día 26 de agosto en O Carballiño, no número 8 da Rúa do Brasil, foi sen dúbida
un susto e un importante contratempo para os veciños que viven nese edificio, mais por sorte
os danos resultaron ser unicamente materiais.
Con todo, este debe ser un claro exemplo do mal que se están a facer as cousas por parte das
administracións.
Os políticos que nos gobernan non deixan de lembrarnos que como cidadáns temos unha serie
de obrigas, facendo énfase na que consiste en pagar impostos e taxas nun sistema solidario que
emprega eses cartos para garantir o desfrute de certos dereitos.

Pero o que parecen esquecer, é o feito de que os nosos dereitos son as súas obrigas. Como
cidadáns, todo veciño, resida onde resida, ten dereito a que se lle brinde un servizo de extinción
de incendios e salvamento de calidade. Algo moi afastado da realidade.

Esta tarde noite, un dos nosos bombeiros tivo que enfrontarse a unha situación de máximo
estrés, nunhas condicións inaceptables e insultantes para a nosa profesión ante a pasividade de
Xunta e Deputacións. Parece que os señores dos despachos, aos que lles encanta ir a todas
partes cun séquito de asesores, secretarios, e cargos colocados ao seu gusto, non teñen os pés
na terra.
É intolerable, que se sosteñan servizos de extinción de incendios cun único efectivo, violando
impunemente calquera criterio de seguridade, sobre expoñendo a vida do bombeiro e forzando
situacións de estrés e descontrol imposibles de asumir na soidade.

De ter o Parque de O Carballiño a dotación de persoal axeitada, seguramente este bombeiro
non tería que ter sido atendido polos servizos sanitarios desprazados como foi o caso. E
tampouco tería arriscado sobre maneira a súa integridade. Nin tería asumido a carga de estrés
emocional que lle impuxo a situación. Atopouse unha vivenda en chamas, unha evacuación fóra
do seu control, e co servizo de Bombeiros de apoio máis próximo (Xinzo) a máis de 45 minutos.

Foi preciso que a Garda Civil e a Policía Local, colaboraran co Bombeiro, que expoñéndose moito
máis do que procedera, e contra toda norma de seguridade, salvou a totalidade do edificio. Pero
que ninguén se confunda: non foi o servizo de Extinción de Incendios e Salvamento o que
resolveu a situación.

Foi a vontade dese Bombeiro, que no caso de falecer, só recibiría por parte das Administracións o recoñecemento da súa neglixencia. Por isto, dende o Comité de Folga, condenamos con rotundidade a neglixente e irresponsable actitude que están a ter Xunta e Deputacións, permitindo que este servizo se manteña coa sobre exposición da vida dos nosos Bombeiros.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario