O prazo de inscrición na proba estará aberto ata este domingo 3 de setembro, cun custo de tres euros para a categoría absoluta e de balde para as persoas inscritas en categorías inferiores
Máis de 1.800 persoas xa están inscritas na décima edición da Volta a Oza, unha das sete probas incluídas este ano no circuíto de carreiras populares Coruña Corre, e que terá lugar o vindeiro día 10 de setembro, desde as 10.00 horas, co parque de San Diego como punto de partida.
O prazo de inscrición estará aberto ata este domingo 3 de setembro, inclusive, a través da páxina web oficial do circuíto Coruña Corre. Contémplanse seis categorías: absoluta (cun custo de inscrición de 3 euros); sub-18 a sub-16; sub-14; sub-12; sub-10; e peques. Estas cinco últimas categorías, con inscrición de balde.
O percorrido da proba absoluta, de 6.250 metros e que se pode consultar nesta ligazón, comezará no treito de acceso ao parque de San Diego e tras, a primeira rotonda entre a rolda de Outeiro e a avenida do Exército, terá continuidade pola rúa Alejandro Barreiro Noya, subindo posteriormente pola avenida da Pasaxe e a avenida da Concordia.
No seu camiño, as e os participantes pasarán tamén pola contorna do IES Monte das Moas, o parque de Eirís, a avenida de Casanova de Eirís e Antonio Ríos, bordeando posteriormente o IES de Monelos pola rúa Montes para descender, a continuación, polas sendas do parque de Oza. Xa aí comezará o treito final, con subida pola rolda de Outeiro para voltar ao punto inicial, o parque de San Diego.
Onde e cando recoller os dorsais
A recollida estará habilitada na fin de semana do 9 e 10 de setembro, o da carreira, no Complexo Polideportivo Municipal de San Diego. Os horarios habilitados son os seguintes:
● Sábado 9 de setembro: de 11.00 a 20.30 horas.
● Domingo 10 de setembro: dende as 9.00 horas e ata unha hora antes do comezo de cada unha das carreiras.
Xa o día da Volta a Oza, estará habilitado un servizo de gardarroupa, tamén no Complexo Deportivo Municipal de San Diego, de 9.30 a 13.00 horas. Haberá, ademais, servizo de duchas, tamén en San Diego, de 10.30 a 13.00 horas.
Tras a Volta a Oza, dúas carreiras máis ata finais de ano
A Volta a Oza supón a volta á actividade do circuíto de carreiras populares Coruña Corre tras o habitual parón estival.
Despois da proba do vindeiro día 10 de setembro, están previstas outras dous antes de que remate o ano: a carreira popular do Ventorrillo, o 22 de outubro; e a carreira popular de Novo Mesoiro, xa o 26 de novembro.
Foto portada: Concello A Coruña