O PSOE de Coristanco reclama á Xunta que solucione “as múltiples deficiencias do CEIP Canosa-Rus”

O voceiro socialista José Manuel Pérez Abelenda denuncia os «defectos estruturais do edificio que provocan a entrada de auga no centro» entre outras necesidades

O PSdeG-PSOE de Coristanco presentou unha moción, aprobada de xeito unánime no pleno municipal, na que se reclama á Xunta de Galicia que solucione as deficiencias do CEIP Canosa-Rus.

A moción foi presentada despois dunha reunión dos socialistas coa ANPA do centro, na que esta expuxo as necesidades que ten o mesmo.

A posteriori, houbo outra xuntanza co obxectivo de presentar unha iniciativa no Parlamento de Galicia no mesmo sentido. Nela participaron o voceiro socialista local José Manuel Pérez Abelenda, o secretario xeral do PSdeG provincial Bernardo Fernández Piñeiro e os membros do Parlamento galego Patricia Iglesias Rey e Julio Abalde.

Pérez Abelenda explica que «os profesionais de Audición e Linguaxe teñen agora mesmo asignadas únicamente 19 horas no centro, cando o ano pasado, por exemplo, tiñan unha xornada completa e outra de persoal compartido».

«A parte diso hai unha gran falta de mantemento, incluíndo incluso defectos estruturais do edificio que provocan a entrada de auga no centro», sinala o socialista. «Todo isto foi trasladado en diversas ocasión ao Concello, que fixo caso omiso», engade.

O voceiro socialista local destaca que «a moción presentada polo socialistas foi aprobada por todos os grupos que conforman a corporación municipal, pero nós pedimos algo máis».

«Pedimos que se actúe con celeridade para solucionar as múltiples deficiencias que sofre o CEIP Canosa-Rus, posto que estas afectan gravemente o benestar dos nenos e as nenas que estudan no colexio», conclúe Pérez Abelenda.

Comparte éste artículo
No hay comentarios