A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación das obras de aglomerado da vía que comunica As Labradas (Carballo) coa Ponte de Bértoa, un traxecto de case dous quilómetros moi utilizado como alternativa ao centro urbano para desprazarse entre a estrada de Ordes e a da Coruña. A actuación, que sairá a licitación en breve, ten un orzamento de 142.639,07 euros
O Concello de Carballo continúa deste xeito co plan de aglomerado de vías que estruturan o territorio porque unen núcleos importantes e/ou teñen unha intensidade de tráfico importante. É o caso tamén da estrada que enlaza As Torres de Oza con Cances Grande, que está nestes momentos en licitación. O orzamento acada os 340.954,41 euros, e as empresas teñen de prazo ata o 19 de setembro para presentar as ofertas. O proxecto prevé a regularización da vía, tanto polo que respecta á anchura, que será como mínimo de 5,50 metros, coma ao firme, que será dotado dunha capa de aglomerado nunha superficie de 18.550 metros cadrados. Ao mesmo tempo, neste caso aproveitarase para executar os ramais precisos para a extensión da rede de abastecemento de auga, evitando deste xeito ter que romper o pavimento no futuro. En total instalaranse 1.300 metros de tubaxes.
O proxecto é moi semellante ao que está en execución nestes momentos entre Bolón (Sofán) e Vilar de Francos (Artes) por parte da empresa Canarga. Ata alí achegáronse hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas e Miguel Vales, respectivamente. O Concello de Carballo realiza un investimento de 225.140,47 euros, que permitirá pavimentar toda a vía con aglomerado (8.400 metros cadrados) e dotala dunha anchura mínima de 5,50 metros. Así mesmo, ademais de limpeza de gabias, drenaxe e sinalización, a actuación prevé a instalación de 1.300 metros tubaxes para o abastecemento de auga nos núcleos de Bolón, A Pontenova, A Calzada e Vilar de Francos.
As seguintes actuacións que se levarán a cabo na zona rural, e que contan xa coa consignación orzamentaria precisa, son as seguintes:
- Aglomerado da vía do Moucho (Verdillo) á Piña (Sofán): 381.297,90 euros
- Pavimentación con cemento do núcleo rural de Vilar do Carballo (Oza): 210.015,14 euros
- Mellora de rúas no núcleo rural de Arnados (Razo): 395.661,91 euros
- Reparación de vías secundarias nas parroquias de Lema, Carballo, Razo, Oza, Bértoa, Rus, Artes, Verdillo, Sofán e Ardaña: 90.000 euros
- Mellora de camiños forestais: 107.467,02 euros
- Pavimentación de accesos a vivendas en núcleos rurais: 111.411,91 euros