Mercedes Queixas denuncia a falta de transparencia do goberno de Inés Rey

por Redacción A Coruña

Durante os dous últimos meses, a concelleira do BNG Mercedes Queixas ten cursado por escrito distintas peticións de información e documentación ao Goberno Local en relación a cuestións como o estado dos frescos de Urbano Lugrís na Rúa dos Olmos ou a asuntos relativos ás festas do verán.
O silencio, a falta de resposta por parte do Goberno Local, ten sido a resposta, o que leva Mercedes Queixas a denunciar a “actitude obstrucionista” do Executivo presidido por Inés Rey.
“Temos que denunciar a opacidade e falta de transparencia por parte do Goberno Local, unha conduta que vulnera os nosos dereitos como concelleiras e torna moito máis difícil o correcto desenvolvemento do noso traballo como responsábeis do control e fiscalización do Goberno Local desde a oposición”, afirma a edil nacionalista.
“Por pórmos un exemplo, non se nos ten respondido á petición de acceso aos expedientes relativos ao estado dos frescos de Urbano Lugrís na rúa dos Olmos, que, como se sabe, presentan un estado moi delicado canto á súa conservación”, sinala Queixas.
Tampouco ten dado noticias o Goberno Local sobre a petición de información e documentación cursada polo BNG en relación “ao estado dos pregos do contrato de servizos e subministracións do IMCE ou ao expediente económico relativo á Feira do Libro ou ao Festival Noroeste”, remarca.
Si que houbo resposta afirmativa, se ben cunha moi considerábel demora no tempo, para o acceso aos planos de auto protección relativos aos festivais e eventos musicais deste verán. “Neste caso, o retraso no acceso á información é especialmente inaceptábel tendo en conta de que se trata dunha documentación que ten a ver coas medidas que se teñen adoptado para garantir a seguridade das persoas asistentes a estes espectáculos”, conclúe a concelleira.
Entre o momento en que se rexistra a petición de documentación e a resposta do Goberno Local (para a aceptación ou rexeitamento desa petición) existe un prazo de 5 días naturais. Se ese prazo se consumar sen resposta, estaríamos ante un silencio administrativo que ten o mesmo valor que un si a esa demanda de información. O problema é que despois non existen garantías de que efectivamente se produza o acceso á documentación, o que moitas veces lle xera indefensión aos grupos da oposición.

 

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario