O PSOE impulsa unha moción para esixirlle á Xunta que corrixa “a incomprensible represalia” contra o Ateneo de Pontevedra

por Redacción Pontevedra

O concelleiro socialista Manuel Fariña denuncia «a parcialidade do baremo empregado polo PP para puntuar ás entidades solicitantes de local», ao entender que resulta «absolutamente escandaloso que unha fundación antiabortista como Redmadre, que discrimina ás mulleres por razóns ideolóxicas e relixiosas, obtivese catro puntos de cinco posibles no apartado de defensa da igualdade, e o Ateneo, un colectivo cultural, plural, diverso e que traballa pola liberdade de pensamento e a igualdade real, obtivese cero»

O Grupo Municipal do PSOE levará ao Pleno da Corporación unha moción coa que buscará que a Xunta de Galicia corrixa a aldraxe cometida co Ateneo de Pontevedra ao privalo do local que tiña até agora no edificio administrativo de Benito Corbal. A proposición dos socialistas insta ao PP a corrixir este agravio atendendo o recurso de reposición presentado pola histórica asociación para que se revise a súa puntuación na convocatoria para a ocupación de locais ou, de non ser posible o anterior, que en todo caso o Executivo autonómico «poña á súa disposición un novo local que lle permita continuar coa súa máis que necesaria actividade cultural e social no noso concello».

Nesta iniciativa de acordo plenario, que o PSOE pretende trasladar á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia da Xunta, así como aos diferentes grupos políticos con representación no Parlamento, arróxanse dúbidas sobre á obxectividade dos factores de puntuación aplicados polos ‘populares’, atendendo a apartados como a relevancia social, o número de beneficiarios, a antigüidade, o uso do idioma ou a defensa da igualdade. Tal e como sinalou esta mañá o impulsor da moción, o concelleiro socialista Manuel Fariña, «un exemplo absolutamente escandaloso da parcialidade do PP á hora de aplicar o baremo empregado para a puntuación das entidades solicitantes de local nesta convocatoria é que unha fundación antiabortista coma Redmadre, que discrimina ás mulleres por razóns ideolóxicas e relixiosas, obtivese catro puntos de cinco posibles no eido de defensa da igualdade, e o Ateneo de Pontevedra, unha asociación cultural, plural, diversa, de relevancia e que traballa pola liberdade de pensamento e a igualdade real, obtivese cero e quedara excluído».

«Resúltanos case inexplicable que unha institución de carácter cultural sen ánimo de lucro tan senlleira da nosa cidade, que leva case 58 anos desenvolvendo un labor altruísta de fomento do pensamento, o debate e a promoción da cultura propia no ámbito autonómico e da lingua galega como canle simbólica da mesma, así como organizando actividades culturais na cidade e na súa contorna, sexa privada do seu local público dun xeito tan abrupto. A piques de cumprirse os 50 anos da restauración da democracia no noso país, esta expulsión do edificio administrativo semella un verdadeiro castigo político máis propio doutras épocas por parte da Xunta do Partido Popular… Unha decisión a todas luces arbitraria e inxusta se temos en conta que o baremo aplicado tivo supostamente en conta factores como a relevancia social, o número de beneficiarios, a antigüidade, o uso do idioma ou a defensa da igualdade», asegurou Manuel Fariña nunha comparecencia que tivo lugar esta mañá na Sala de Prensa do Concello.

Unha decisión que, ao seu xeito de entender, resulta aínda máis incomprensible se temos en conta que a asociación, cuxa actividade se traduce nunha programación continuada de actividades ao longo de xeiras anuais que coinciden co curso escolar e que promove unha oferta cultural diversificada «atenta ás correntes que posúen unha significación notoria e un vínculo co que acontece na actualidade, mais tamén unha vocación de memoria sobre o pasado e a importancia dese pasado no acontecer actual», sempre se caracterizou pola diversidade ideolóxica tanto a nivel de dirección como no que se refire aos seus colaboradores. Segundo subliñou, «estamos a falar dunha asociación que ten 160 socios de cota e 500 adscritos, que participan en maior ou menor medida das súas actividades» e que «na súa propia constitución, o 18 de novembro de 1965, en plena Ditadura, xa se definía deste xeito: ‘O Ateneo quere ser de todos e para todos. Non discrimina, antes ben aspira a reunir á maior cantidade posible de contradicións. Quen di Ateneo di liberdade de discusión e independencia de criterio. Que ninguén se sinta coartado pola singularidade ou a desconformidade do seu propio pensamento. O Ateneo non é un redil, senón a casa dos homes -e mulleres- libres’. Non existe nin un só motivo que xustifique esta represalia do PP».

Fariña agarda que esta iniciativa, que tamén será elevada polos socialistas ao Pleno do Parlamento Galego para o seu debate (xa foi rexistrada pola súa compañeira, a parlamentaria Paloma Castro), poida contar co apoio de tódalas forzas políticas da Corporación Municipal, «en especial do PP». «O portavoz ‘popular’ no Concello, Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación, dixo onte que quere converter Pontevedra na cidade da cultura… Pois que mellor ocasión que esta para dar un primeiro paso, apoiar esta moción e defender os intereses culturais dos pontevedreses e pontevedresas fronte aos intereses partidistas de Alfonso Rueda na Xunta de Galicia, sen ter que realizar ademais un investimento como o que se precisa para Santa Clara», afirmou o concelleiro do PSOE.

O edil incidiu en que o Ateneo de Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro, polo que, co seu orzamento, resulta moi complicado que poidan asumir o alugueiro dun local propio. «É un dos colectivos culturais máis potentes da cidade -subliñou-, que leva moitos anos traballando para todos, sen sesgos ideolóxicos, polo que a represalia do PP resulta incomprensible».

«O Río Verbena Fest foi un éxito rotundo, coa asistencia de máis de 20.000 persoas en tres días. Consolidouse como un festival de referencia no noroeste de España»

Manuel Fariña tamén aproveitou a súa comparecencia para valorar «o rotundo éxito» do festival Río Verbena Fest, «coa asistencia de máis de 20.000 persoas en tres días», o que permite que se consolide como «un festival de referencia en Galicia e no noroeste de España». O socialista agradeceu o seu traballo e implicación aos promotores do mesmo, as firmas Esmerarte e La Gramola, así como a todas aquelas persoas que fixeron posible o evento, ao tempo que amosou o seu desexo de que «se celebren moitas máis edicións».

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario