A economía social que representa máis do 7% do Produto Interior Bruto de Galicia
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe en Ribadavia as adegas de Viña Costeira, onde acudiu coa intención de “escoitar e aprender do cooperativismo galego”. Así, a Xunta de Galicia traballa na modificación da actual lexislación autonómica de cooperativas, coa finalidade de adaptala aos novos tempos e de facilitar a creación de entidades axilizando a burocracia, no marco dun procedemento participativo no que se prestará especial atención ás demandas dos protagonistas deste modelo de negocio.
Aproveitando a visita á cooperativa vitivinícola Viña Costeira, que cualificou de “exemplo emblemático deste traballo cooperativo durante 55 anos”, a conselleira destacou que a economía social implica ”solidariedade e darlle prioridade aos beneficios sociais antes que á rendibilidade financeira”. Afirmou que cada vez hai máis cooperativas e que destaca o liderado das mulleres. Nesa liña, na nosa Comunidade case 29.000 mulleres forman parte de cooperativas, das cales preto de 27.000 son socias.
En termos económicos, a titular de Promoción do Emprego e Igualdade salientou que a economía social representa máis do 7% do noso Produto Interior Bruto (PIB), o que se traduce nun impacto anual duns 850 millóns de euros. De feito, 21 cooperativas galegas sitúanse entre as 600 máis relevantes do Estado.
Deste xeito, a conselleira referendou o compromiso da Xunta co cooperativismo por ser unha “fórmula moi importante para a economía galega”. Nese senso, cómpre lembrar apoios do Goberno galego como o programa Aprol Economía Social, que fomenta a incorporación de persoas tanto desempregadas como ocupadas a cooperativas e sociedades laborais; así como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, despregada polo territorio para asesorar novos negocios. Tamén a Rede Eusumo, que leva máis dunha década acompañando ás entidades que apostan pola economía social e polo cooperativismo en Galicia.