Licitadas as obras de mellora da accesibilidade entre O Peruleiro e a rúa Barcelona

por Redacción A Coruña

Son dous dos 17 proxectos sobre os que o Concello, a finais do pasado mes de abril, obtivo 9,1 millóns de euros en financiación estatal a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation

A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe en rolda de prensa dos asuntos tratados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local que tivo lugar este mércores, na que se deu luz verde á licitación de dous dos 17 proxectos sobre os que o Concello, a finais do pasado mes de abril, obtivo 9,1 millóns de euros en financiación estatal a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation.

A primeira das intervencións licitadas é a mellora de accesibilidade prevista entre O Peruleiro e a rúa Barcelona, no barrio da Agra do Orzán. Concretamente, nas rúas Fanny Garrido e Julia Minguillón, así como en treitos das rúas Manuel Deschamps, Almirante Mourelle e Páramo. O obxectivo do Goberno municipal, neste percorrido, é gañar espazos peonís, remodelar os pasos de peóns, renovar as redes de saneamento, iluminación pública e mobiliario urbano, ademais de dispor máis árbores alí onde a vexetación non estreite os itinerarios peonís.

Inés Rey expuxo que «pola densidade poboacional do barrio e tamén pola súa propia configuración urbanística, con rúas moi estreitas, falamos dunha intervención moi necesaria para facer da Agra do Orzán unha zona máis accesible e con maior calidade urbana».

O orzamento da actuación é de algo máis de 600.000 euros. Unha vez que se adxudiquen os traballos e se poñan en marcha, terán un prazo de execución de nove meses.

En paralelo, e tamén neste contexto de actuacións financiadas coa segunda convocatoria de fondos Next Generation, hoxe licitouse a instalación das escaleiras mecánicas que permitirán salvar o desnivel de 12 metros existente entre as rúas Adelaida Muro e Ángel Rebollo, no barrio de Monte Alto.

A alcaldesa subliñou a relevancia da intervención «polo elevado tránsito peonil nesta escalinata, a pesar das dificultades que presenta, con 54 chanzos con pendentes de entre un 3,5 % e case un 10 %».

Está previsto acometer a remodelación completa da escalinata, coa instalación, no seu corredor central, de tres treitos de escaleiras mecánicas cubertas por pranchas de metacrilato, que servirán de protección tanto ás persoas usuarias como aos propios elementos electromecánicos das escaleiras, ante os fenómenos meteorolóxicos.

«Ademais, e a ambos os lados do corredor central demolerase toda a escaleira para remodelar a súa distribución actual e reducir as pendentes dos relanzos intermedios, necesarios para dar acceso aos sete portais existentes aos lados da escalinata», detallou Inés Rey na rolda de prensa.

A intervención, dotada cun orzamento de 1,1 millóns de euros, tamén abrangue a renovación integral dos espazos públicos na contorna, tanto no pavimento como no referente ao mobiliario urbano da rúa.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario