O Grupo Municipal do PP de Vilalba condena “a tendencia do goberno local a comezar obras faraónicas, con importes considerables e que non dan rematado; sen solucionar primeiro outras prioridades”. Así o manifestan despois de que o goberno aprobase no pleno extraordinario deste martes un proxecto para reformar o edificio do Concello por valor de 1.153.605,42 €.
Dende o PP local pregúntanse “se había tanta demanda por parte dos vilalbeses e vilalbesas por reformar a Casa Consistorial e se non consideraron que os nosos veciños teñen outras demandas prioritarias coma o arranxo do pavillón municipal, unha infraestrutura á que lle dan uso moitos veciños e que é unha demanda das entidades deportivas”.
Os populares poñen sobre a mesa exemplos de como outros concellos destinaron esa mesma subvención do Ministerio á reforma do mercado de abastos, como no caso de Betanzos, ou á reforma do seu pavillón municipal, coma Cambre e Santiago. A voceira tamén lembrou o de Corvera (Asturias) que con esta axuda do Ministerio vai reformar un edificio e acondicionalo como centro de día. Polo tanto, “tiñan unha oportunidade magnífica para crear o centro de día que tanto prometeron”.
Os populares non comparten esta xestión de improvisación na que non se dá prioridade ás necesidades dos vilalbeses. “Á vista están dúas obras xa empezadas que aínda non foron capaces de rematar; o que supón, por exemplo, pasar outro verán máis sen a posibilidade de utilizar a piscina da Magdalena”.
IMPROVISACIÓN NA XESTIÓN ECONÓMICA
Os populares condenan tamén a “nefasta e improvisada” xestión económica do Concello por parte do goberno local porque o bipartito PSOE – Vilalba Aberta aprobou unha modificación de créditos para aumentar o gasto en 2.487.789,03 € a pesar de que os informes técnicos advirten de que “pode poñer en risco o equilibrio orzamentario do Concello”.
Os populares pediron “prudencia e sentido común” porque “estamos a finais de agosto e xa non hai cartos nalgunhas partidas cos que facer fronte a diversos gastos”. E isto débese a que “o goberno local non xestiona con previsión, senón que todo é improvisación”.
A voceira, Sandra López, considera que “non hai traballo feito” porque “non se aprobou ningún orzamento novo en máis de catro anos. Continúan cos orzamentos prorrogados do ano 2019 que non se axustan ás necesidades do 2023”. É por iso polo que “urxe que elaboren uns orzamentos municipais”. É máis, “o PSOE na oposición puxo o grito no ceo cando o goberno do Partido Popular tardou 3 meses en aprobar uns orzamentos municipais e agora con eles no goberno levamos máis de catro anos”.