Podemos Galicia afea á Xunta que “ataque os dereitos reprodutivos das mulleres pola porta de atrás”

por Redacción Galicia

Dende a formación morada anuncian que estudarán posibles accións legais pola privatización do servizo de interrupción de embarazo na sanidade galega

Borja San Ramón, Coordinador Nacional de Podemos Galicia, anunciou que a formación estudará accións legais para impugnar decisión da Xunta de privatizar o servizo de interrupción do embarazo. O dirixente autonómico denuncia que a medida vai en contra da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva aprobada en febreiro deste ano, “que establece que o aborto é un dereito ao que se debe ter acceso dende a sanidade pública, e utilizar a externalización unicamente en casos excepcionais”.

San Ramón destacou que “en xaneiro deste mesmo ano, Alfonso Rueda xa se pronunciara en favor do protocolo anti-abortista de Vox en Castela e León, que pretendía utilizar as ecografías como instrumento de chantaxe emocional contra as mulleres que quixeran exercer os seus dereitos reprodutivos”. Tamén fixo referencia a que “a Xunta leva 13 anos financiando agrupacions anti-aborto como Red Madre, unha política que Rueda herdou de Feijóo”.

O dirixente morado considera que o Goberno autonómico presidido por Alfonso Rueda “non fai declaracións altisonantes contra o aborto como os socios preferentes do PP”, en referencia a Vox, “pero fai o que está na súa man para dificultar o exercicio dese dereito, é un ataque aos dereitos reprodutivos das mulleres pola porta de atrás”.

Tamén destacou que “defenderemos o dereito a un aborto gratuíto, público e con garantías de calidade para o benestar das mulleres usuarias”, e  mostrouse disposto a facelo “tanto nos xulgados coma nas rúas”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario