Peche inxustificado do parque de bombeiros de Ribeira

por Redacción Galicia

Dende o Comité de Folga Autonómica e dende a Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia queremos amosar a nosa indignación ante a situación vivida na xornada de hoxe relativa ao peche do Parque de Bombeiros de Ribeira para poder garantir a prestación dos servizos mínimos ás portas do Complexo Industrial de INDITEX en Arteixo.

O decreto de servizos mínimos que no seu día emitiu o Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento da Coruña, esixe que un número determinado de efectivos permaneza de quenda as 24 horas do día en todos os seus Parques de Bombeiros, de tal xeito que os traballadores prestan eses servizos mínimos nos seus respectivos centros de traballo.

Cabe lembrar que ata o de hoxe, os centenares de peches de parque que se produciron por toda a xeografía galega teñen como causa a falta de capacidade para prestar o servizo por parte das Administracións responsables. Nunca chegou a pechar ningún parque (ata o de agora) por secundar os traballadores o seu dereito a folga.

Hoxe, o Consorcio decidiu que uns traballadores que estaban de servizos mínimos no parque de Bombeiros de Ribeira, pecharan as súas instalacións e por tanto privaran de servizo aos Concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Porto do Son, en prol de acudir a prestar servizos ordinarios (non servizos mínimos) a outros parques de bombeiros, xa que cada bombeiro pode actuar como servizo mínimo unicamente no seu centro de traballo habitual. Con esta actitude, o Consorcio de Bombeiros da provincia coruñesa está empuxando aos traballadores para que comecen a secundar o seu dereito á folga, evitando así calquera servizo prestado fora dos servizos mínimos propios en cada parque de bombeiros.

Outro aspecto que dende a parte social non estamos dispostos a aceptar é que se faga a conta nosa un clasismo social no tocante á prestación do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento. Claramente o Consorcio está a marcar que cidadáns merecen dispoñer dun servizo en mínimos e que cidadáns poden prescindir del, obviamente sen ter en conta a opinión dos usuarios. Dende o Comité de Folga e dende a Mesa Intersindical avogamos porque non se prive á cidadanía dun servizo esencial que as Administracións teñen a obriga de prestar, senón que se dimensione axeitadamente para que todos os galegos teñan un servizo cunhas garantias mínimas de seguridade, motivo polo que entre as nosas reivindicacións se contemplan os imperiosos aumentos de efectivos nos cadros de persoal.

Instamos ao Consorcio Provincial, formado por Xunta de Galicia e Deputación de A Coruña, a tomar en serio a prestación deste servizo que lle corresponde e a acometelo coa debida responsabilidade, e sobre todo sen antepoñer a protección de certos lobbies do téxtil á seguridade das persoas e dos seus bens, sexan do Concello que sexan, porque unha cousas é non ser quen de manter un parque de Bombeiros aberto e outra cousa é decidir que un parque que estaba plenamente operativo peche as súas portas para satisfacer quen sabe que intereses.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario