O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron esta mañá na rolda de prensa da presentación do Revenidas Festival, que terá lugar dende o 7 ao 10 de setembro en Vilaxóan, e que conta co apoio do Goberno galego.
“Nesta edición tan especial estamos fronte a unha celebración que novamente aunará música xunto a distintas actividades. Todas elas ligadas ao territorio e á cultura mariñeira da zona e as Rías Baixas. Xa é imposible imaxinar este festival sen a súa tradicional sardiñada ou as moitas actividades que se desenvolven ao longo dos 4 días de duración do mesmo”, destacou Xosé Merelles.
O cartel desta edición inclúe a personalidades do panorama galego, nacional e internacional: Ana Tijoux, Desakato ,Sara Hebe, Tremenda Jauría, Zoo, Fillas de Cassandra, Los Chikos del Maíz, Zetak, Sheila Patricia, La Regadera, Rebeliom do Inframundo, Ska-P, Heredeiros da Crus e The Rapants.
A xornada do domingo 10, na que se celebrará a tradicional sardiñada popular e a Gala de Circo Solidaria contará no musical coas actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona, La Yaya Dj e Xosé Lois Romero e Aliboria, que serán os encargados de pechar o Revenidas 2023.
O director de Turismo incidiu en que a música abre camiño a amosar a nosa terra, xa que, segundo afirmou, non cabe dúbida que o turismo de festivais está gañando cada vez máis adeptos en Galicia. Comezamos o ano pasado cos concertos do Xacobeo aos que asistiron máis de 1,1M de persoas con máis de 500 artistas chegados dende todos os lugares do mundo por máis de 70 concellos da nosa comunidade. Levamos a cabo 171 eventos, entre eles o Revenidas.
Na súa intervención, Xosé Merelles destacou que os festivais en Galicia están sendo un puntal na recuperación tanto do sector cultural como do turístico, xa que nestas datas miles de persoas enchen Galicia.
O cartel desta edición inclúe a personalidades do panorama galego, nacional e internacional, con artistas como Baiuca, SFDK, Zoo, Laura Lamontagne & Picoamperio, Tanxugueiras, O Adhesivo, SonDaRúa ou A Banda dá Loba.
Pola súa banda, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, felicitou á organización do Revenidas pola súa consolidación e progresivo crecemento como unha das citas ineludibles do calendario galego de festivais.
Explicou que o encontro de Vilaxoán volve contar, ademais, coa contribución da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da convocatoria anual de subvencións para festivais de música e de artes escénicas, que en 2023 distribúe a súa dotación de 575.000 euros entre 26 eventos de toda Galicia. O evento súmase deste xeito á axenda global de máis de 2500 actividades culturais que o Goberno galego impulsa este verán baixo o lema A cultura en Galicia é un CulturON.